EconomíaEconomíaÚltima hora

A campaña de Cruz Vermella “As etiquetas, só para produtos” trasládase á hostalería de Ourense

Esta campaña pretende facer reflexionar á xente sobre os prexuízos e estereotipos asociados á idade, o xénero, orixe ou a cultura
O cartel vaise distribuir por 23 locais da cidade.

A campaña “As etiquetas, só para os produtos” da Cruz Vermella está enmarcada dentro do proxecto “Reto Social Empresarial en Materia de Inserción Laboral: Alianzas”. A través desta mensaxe, Cruz Vermella vai convidar á cidadanía a reflexionar sobre a influencia dos estereotipos e prexuízos asociados á idade, o xénero, a orixe ou a cultura, que poden supor barreiras no acceso de moitas persoas ao mercado laboral.

Nesta ocasión, Cruz Vermella conta co sector de hostalaría como cómplice. Dende o vindeiro venres, 20 de outubro, 23 restaurantes e cafeterías da cidade utilizarán os manteis individuais coa imaxe da mensaxe da campaña.

Con actividades como esta, e no seu compromiso coa integración de todas as persoas a través do emprego, Cruz Vermella busca “sensibilizar á poboación en xeral e ás empresas en particular da necesidade de vencer estes obstáculos e conseguir unha sociedade máis xusta e cohesionada”, apuntan dende a organización.

No pasado mes de abril realizouse unha acción similar coa Asociación de Artesáns de Ourense. Agora, a variedade de restaurantes e cafeterías que se sumaron á campaña “facilita chegar a públicos moi diferentes: mozos, estudantes, traballadores/as, familias, etc.”

Hai moitas persoas que teñen especial dificultade para acceder ao emprego: persoas inmigrantes, solicitantes de asilo ou refuxiadas, mulleres en dificultade social, mozas sen cualificación, persoas sen teito ou maiores de 45 anos, entre outras. “Desde o Plan de Emprego de Cruz Vermella trabállase para conseguir a súa plena inserción a través de itinerarios personalizados”, apuntan.

“Somos conscientes de que sós non podemos cambiar a contorna. Por iso as empresas son un socio fundamental para os nosos proxectos, xa que son quen na práctica poden ofrecer unha oportunidade de acceso ao emprego para as persoas coas que traballamos”, sinalou Susana Pérez Carreira, técnica do proxecto “Reto Social Empresarial en Materia de Inserción Laboral: Alianzas”.

Esta iniciativa está a levarse a cabo noutras cidades galegas coa colaboración do tecido empresarial, e conta co apoio do Fondo Social Europeo a través do POISES, Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, e do Ministerio de emprego e Seguridade Social.

Artigos relacionados

Back to top button