EconomíaÚltima horaViticultura

Campaña promocional da D.O. Monterrei en Galicia

Búscase reforzar a imaxe da marca e dar a coñecer os viños desta zona ourensá na comunidade
Imaxe da nova campaña da D.O.Monterrei.
Imaxe da nova campaña da D.O.Monterrei.

Polas catro provincias galegas estase a desenvolver unha nova campaña promocional do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Con ela preténdese reforzar a imaxe de marca desta D.O., “dar a coñecer os nosos viños e ampliar o público consumidor dos mesmos”, explican dende o seu consello regulador.

A través desta iniciativa leváronse a cabo actuacións como a colocación de 65 vallas polas provincias galegas cunha nova imaxe: “A orixe da diferenza”. Isto tenlle dado unha importante visibilidade “á nosa denominación entre a poboación galega, visitantes e turistas, xa que as mesmas teñen sido situadas en puntos estratéxicos como centros comerciais e as principais vías de acceso ás cidades”, enganden dende esta denominación.

A campaña vai asemade dirixida ao sector profesional en colaboración coas 25 adegas pertencentes á D.O. Monterrei. Deste xeito repartíronse produtos publicitarios de Monterrei coa finalidade de que se entregasen a distribuidores e persoal do sector da hostalaría, comercio e restauración para que fosen empregados nos seus establecementos.

Este merchandising tamén está sendo utilizado por parte do Consello nas diferentes accións promocionais que se están a desenvolver: catas, presentación ou tuneis do viño, entre outras. “Todo co obxectivo de refrendar a nosa imaxe de marca, non só ante os nosos consumidores habituais, senón tamén ante o público”.

Esta campaña ten sido desenvolvida pola Denominación de Origen Monterrei grazas á subvención concedida pola Deputación de Ourense aos consellos reguladores do viño da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button