OurenseÚltima hora

Cando se crea movemento a través da luz e do son

A mostra “Xoguetes Creando”, de Federico Ransenberg, amosa nove pezas nas que son reelaboracións de antigos xoguetes cinematográficos do século XIX

A sétima arte segue a impregnar a cidade durante o Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF).Desta volta faino fusionándose coas artes plásticas e o mundo do xoguete.

Hoxe, 19 de outubro, día previo á gran inauguración do festival, abriu ao público no Museo Municipal a exposición “Xoguetes de cine”, do experto en efectos especiais Federico Ransenberg. Un total de nove pezas conforman esta mostra na que se xoga coa luz e os efectos visuais para dar movemento a obxectos sen vida. En concreto, son reelaboracións baseadas en antigos xoguetes cinematográficos do século XIX que foron adaptados á tecnoloxía actual por este experto en efectos especiais.

A través de toca discos, máquinas de son, auga e pequenas figuras, Ransenberg consegue dar vida a obxectos inanimados como nos antigos praxinoscopio, de Émile Renaud, onde a través dunha roda que xira vese unha animación nun espello.

Na inauguración de hoxe, o director do OUFF, Fran Gayo, contou que esta mostra xa se empezou a pensar nela o pasado ano “pero vimos que nos superaba en termos de prazos”. O director lembrou que Ourense “vai ser o único punto de España onde se poderá ver esta exposición”.

Non en cambio, poucas palabras dedicou o artista e creador de “Xoguetes de Cine”, Federico Ransenberg, xa que o único que dixo aos medios foi: “son obxectos para ser vistos, así que calarei e que a xente veña velos”.

Finalmente, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou que “é unha exposición que leva tempo vela, non polo número de xoguetes, senón polo tempo que imos quedar contemplando todas e cada unha desas pezas para ver os efectos que producen da man enxeñosa de Federico”.

A entrada á exposición é totalmente libre e estará aberta ao público até a clausura do festival, o vindeiro venres 27 de outubro.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button