A Corporación Municipal de Ourense e diversas personalidades da capital concentráronse hoxe, 18 de agosto, ás 12:00 horas para facer cinco minutos de silencio en repulsa dos atentados acaecidos en Barcelona e Cambrils no día de onte. Entre os asistentes non estivo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, xa que está de vacacións e por iso presentou as súas condolencias a través dun chío no twitter.
Pero non só as personalidades públicas da cidade se achegaron até os pés do edificio consistorial na Praza Maior. Máis dunha ducia de persoas acudiron tamén a este punto neurálxico da capital para manifestar o seu apoio ás vítimas e a súa repulsa do terrorismo.
Así, o tenente de alcalde José Araújo, asegurou que con este acto “demostrouse que a cidadanía está contra o terrorismo”. Reiterou que “España está unida para loitar contra esta lacra” e mandou un “abrazo moi forte” ás familias das vítimas e “moito ánimo” ao pobo catalán.
Tamén o líder da oposición, Gonzalo Pérez Jácome, condenou estes atentados: “é unha barbarie que esperemos que non se repita, temos que acabar con esa lacra que parece interminable”, asegurou. O líder de Democracia Ourensana manifestou tamén o seu apoio ao pobo catalán. Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, amosou tamén a súa solidariedade co pobo catalán e apelou á unidade política “para loitar en contra o terrorismo” e asegurou que “non nos podemos dobregar ante quen pretende alterar a vida normal dos cidadáns”.
Finalmente, a edil de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, quixo pór en valor o traballo das forzas e corpos de seguridade “que cremos que actuaron ben e rápido” e ademais mandou os seus parabéns á cidadanía de Barcelona “que actuaron moi á altura axudando ás feridas e abarrotando os hospitais para doar sangue”. A edil asegurou que “este é o raio de esperanza que tivo un día tan terrible como o de onte”.
Pero neste minuto de silencio tamén estiveron presentes outras personalidades ourensás da política nacional, como foi o caso de Celso Delgado, deputado do PP no Congreso pola provincia. Delgado lembrou que “onte dende o Congreso dos Deputados expresamos, todas as forzas políticas, a nosa repulsa a estes actos terroristas” e asegurou que “non nos vamos a render xa que vitoria é a democracia”.
CEO
O Presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, tamén acudiu a este acto e falou en nome de todos os empresarios para “presentar a nosa solidariedade coas vítimas”. O presidente da patronal ourensá asegurou que só coa unidade do pobo español “poderemos acabar con esta lacra que é o terrorismo”.
Asemade, segundo un comunicado enviado pola Policía Nacional, o Goberno decretou tres días de loito oficial “con motivo do criminal atentado terrorista”.
Texto: Carlos Asensio.