Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A capital homenaxea ás vítimas da violencia machista

O Salón de Plenos do Concello acolleu o acto principal no que se gardou un minuto de silencio en memoria das falecidas

Ao longo da mañá de hoxe, 24 de novembro, sucedéronse diversos actos na cidade para manifestar a repulsa á violencia de xénero. Un deses actos levouse a cabo no Salón de Plenos do Concello de Ourense, onde un grupo de escolares, asociacións, diferentes personalidades do mundo institucional, Policía Nacional e Local, e membros da corporación municipal fixeron un acto en conxunto.

Dito acto arrancou da man da concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, que anunciou a triste noticia de que hoxe morreu outra muller a mans da súa parella. “Este non é un día de festexar e menos sabendo esta nova, debemos de chorar por dentro”, dixo a edil, que informou que no que vai de ano o Centro de Información á Muller de Ourense (CIM) atendeu un total de 236 expedientes e recibiu 1060 consultas. En canto á Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas, Sofía Godoy asegurou que “está ao 70% de ocupación”.

Tras Sofía Godoy tomou a palabra o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, que convidou a dous escolares presentes no acto a que o acompañasen na lectura do manifesto da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no que se establece o “compromiso na erradicación de todas e cada unha das formas de violencia de xénero existentes , así como apoiando e impulsando medidas que promovan a súa eliminación”. Neste manifesto, a FEMP recalca que “todos os poderes políticos, forzas sociais e individuos, traballen unidos para alcanzar a súa total erradicación”. No texto reiteran o seu apoio ao Pacto de Estado sobre a Violencia de Xénero.

Entre as súas demandas, a FEMP recalca no manifesto a súa invitación a “todas as Entidades Locais a adherirse a esta Declaración”. Asemade, reivindican “a necesidade de dotar ás entidades locais das competencias nesta materia así como suficientes medios e recursos para, en colaboración co Goberno e as Comunidades Autónomas, asegurar a asistencia adecuada”. Finalmente, na declaración amosan a súa preocupación polo “aumento de menores asasinados a mans dos seus pais como instrumento de control e de poder sobre as mulleres” e comprométense a seguir promovendo medidas de para a prevención e a detección, así como para a sensibilización da poboación.

Por este motivo, o Concello de Ourense está levando a cabo un Protocolo de Actuación e directorio de recursos fronte ás violencias de xénero. Unha medida que se presentou neste acto.

Para rematar, a concelleira de igualdade, Sofía Godoy, volveu tomar a palabra para que todos os alí presentes se sumasen á homenaxe a todas as vítimas da violencia machista. Un acto no que, mentres os alí presentes tomaban carteis na man cos nomes das mesmas, a edil ía recitando unha por unha todas esas mulleres asasinadas a mans das súas parellas, para rematar cun minuto de silencio.

Tras concluír o acto, os escolares alí presentes concentráronse ás portas do Concello, na Praza Maior, e logo dirixíronse ao Liceo de Ourense para participar nunha actividade de concienciación.

Sindicatos

Tamén o sindicato Comisións Obreiras organizou unha concentración no día de hoxe fronte ao Edificio Sindical, situado no Parque de San Lázaro, co obxectivo de, aseguraron, “dirixirse á sociedade e aos estamentos públicos para que todas e todos nos impliquemos activamente en loitar contra esta lacra  social tan brutal”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Máis información sobre os distintos actos levados a cabo nas seguintes ligazóns:

https://osil.info/concentracion-na-rua-violencia-de-xenero

https://osil.info/no-ies-martaguiselado-barco-co-maltrato-non-trato/

Valdeorras sae á rúa contra a violencia de xénero

 

Artigos relacionados

Back to top button