ConcellosÚltima hora

O Carballiño involucra aos centros educativos e asociacións no día contra a violencia de xénero

Farán obradoiros dirixidos ao alumnado, un relatorio e a xuntanza da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero
Marina Ortega.

O alumnado de todos os centros educativos do Carballiño, así como representantes de institucións e asociacións, participarán este venres, 24 de novembro, no acto institucional contra a violencia de xénero que se desenvolverá no salón de sesións do Concello ás doce do mediodía. Neste acto participarán os centros educativos públicos e concertados, a Escola Infantil Trastes, Bo Día Familia, Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica e asociacións de mulleres. Así mesmo, haberá unha actuación musical a cargo do dúo Canela Cafuné, formado por Marta Bravo e Eric Dopazo.

A concelleira de Benestar Social, Sanidade e Igualdade, Marina Ortega, que deu a coñecer hoxe, 22 de novembro en rolda de prensa, o programa organizado polo seu departamento municipal, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta e a Unión Europea, para conmemorar esta efeméride que se celebra o 25 de novembro pero que para facilitar a participación dos centros educativos adiántase ao 24 de novembro.

Ademáis deste acto institucional, o luns, 27 de novembro, desenvolveranse diversos obradoiros nos institutos Chamoso Lamas e nº 1, e nos colexios Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro. Están promovidos pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Fegamp, e levan por título “A violencia de xénero o novo contexto dixital”, a cargo de Pantallas Amigas, destinados ao alumnado de secundaria exposto a situacións de violencia de xénero e centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia de xénero que xurden no contexto dixital.

O martes, 28 de novembro, ás 20:00 horas, no salón de plenos do Concello, terá lugar unha charla-coloquio co título “O empoderamento da muller e análise dos efectos da violencia nos menores”, e contará coas ponencias de Francisca Fariñas Rivera, catedrática de Psicología Básica e Psicología Xurídica do Menor da Universidade de Vigo, e Alicia Peralejo Abeleira, Psicóloga e presidenta da Asociación Ceavigal.

Finalmente, o 15 de decembro, ás 13:00 h., reunirase no concello a Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención ás Vítimas de Violencia de Xénero.

Cartel dos actos no Carballiño.

Artigos relacionados

Back to top button