EconomíaEconomía

O Carballiño recibe a campaña “O que se enchufa, recíclase”

 Trátase dunha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente co fin de combater os efectos negativos do vertido incontrolado e mellorar a xestión destes restos a través dos puntos de venda
Marisol Díaz e Francisco Fumega no punto habilitado na Praza de Abastos.

A campaña “O que se enchufa, recíclase” da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a desenvolverse no Carballiño co fin de implicar á súa veciñanza na reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos e involucrar tanto aos consumidores como aos distribuidores e vendedores nunha boa xestión deste tipo de residuos. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial do departamento dirixido por Beatriz Mato, Victoria Núñez, e o alcalde da localidade, Francisco Fumega, visitaron hoxe, 24 de novembro, o seu punto de información instalado na praza de abastos desta localidade que estará situado ata mañá.

Díaz Mouteira explicou que con esta iniciativa se pretende “concienciar á poboación da necesidade de reciclar este material de refugallo e lograr incrementar as cotas de reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos”. Con este obxectivo os puntos informativos desta campaña, que están a percorrer toda a xeografía galega, están atendidos por dous asesores que ofrecen información sobre as vantaxes e os puntos de recollida existentes.

Marisol Díaz incidiu nos motivos polos que convén xestionar adecuadamente este tipo de residuos. “Moitos dos seus materiais teñen un gran valor e recuperalos é unha forma de minería urbana, respectuosa coa contorna e que favorece o aforro dos recursos naturais”, afirmou.

63 contenedores na provincia

Na provincia hai 63 contedores repartidos noutros tantos establecementos adheridos á campaña para que os cidadáns poidan depositar os aparellos en desuso ou inservibles. Seis deles están no Carballiño.

A delegada territorial indicou que un dos puntos fortes desta iniciativa de sensibilización é “combater os efectos negativos do vertido incontrolado dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, especialmente os máis pequenos; eliminar as prácticas ilegais asociadas á súa xestión e informar á cidadanía sobre a importancia do correcto tratamento do refugallo mediante unha tripla acción: reparar, reutilizar e reciclar”.

A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, está tamén nas redes sociais, a través de facebook.com/RAEEGALICIA e twitter.com/RAEE_GAL. Os cidadáns poden consultar os puntos de reciclaxe máis próximos aos seus domicilios tamén na web www.oqueseenchufareciclase.gal.

A Xunta desenvolve esta iniciativa en colaboración cos representantes dos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP) de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).

A Consellería de Medio Ambiente destina 700.000 euros a esta iniciativa, que se desenvolverá durante 9 meses en 138 concellos galegos de máis de 4.000 habitantes, dos que 16 son da provincia de Ourense.

En 2016 recolléronse en Galicia máis de 14.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos ou electrónicos, o que implica unha media de 5 quilos por persoa. O incremento é notable con respecto ao exercicio anterior, cando se recolleron 10.600 toneladas que supón un 75 por cento menos.

 

Artigos relacionados

Back to top button