ConcellosÚltima hora

Carta do alcalde de Manzaneda ante o acontecido nos incendios forestais

O rexedor deste municipio ourensán vén de remitir esta misiva aos medios tras a recente e tráxica vaga de lumes

 

Félix Domínguez, alcalde de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Vimos de asistir a un desastre ecolóxico sen precedentes no Macizo Central Ourensán onde quedou de manifesto que as políticas actuais que está a aplicar a Xunta de Galicia no que a extinción de incendios se refire deixan moito que desexar.

Non houbo información á cidadanía da situación de risco extremo, e dillo un alcalde que tivo que ir nunha noite a máis de tres incendios fora do meu concello (de forma totalmente voluntaria), sen ningún medio a maiores que a motobomba do Concello de Manzaneda, e ardendo casas e bens inmobles e con moito perigo para as persoas.

No que atinxe o persoal a Xunta negouse a aumentar o número de gardas para os axentes forestais quen son quen deben dirixir os traballos. Despois de non prorrogarlles os contratos a sabendas da situación de risco, o sábado 15, persoal adscrito ao SEAGA era informado da prórroga no seu tempo de servizo por un prazo de quince días. O persoal de tres meses foi prorrogado tarde, mal e nunca, e para colmo, esta semana están a chamar os concellos (noutro exercicio de improvisación) para que volvan a contratar as brigadas de incendios ata final de novembro. En resumo, un desastre.

Nunha situación de emerxencia como esta, viuse como a as veciñas e veciños dos nosos concellos se autoorganizaron á marxe do goberno para protexer as súas vidas, as súas casas, o seu gando ou as súas propiedades.

Eu hoxe preguntome…que actuacións vai levar a cabo o Goberno da Xunta para tratar de evitar que se repita unha situación coma a acontecida?, con que efectivos se contou esta fin de semana no Distrito XIII para loita contra os lumes?, como se distribuíron e coordinaron os efectivos para non existir ningún en moitos dos lumes que houbo aquí?

Sentín auténtica vergoña e impotencia.

Impotencia por non salvar máis do que demos salvado diante desta vaga de lume vendo peligrar as vidas da xente.

Vergoña allea por sentir que non están vostedes preparados para protexer as persoas diante do lume.

#LumesNuncaMáis

Manzaneda, a 18 de outubro de 2017

Félix Domínguez Cortiñas
Alcalde do Concello de Manzaneda.

 

Incendio forestal no Macizo Central Ourensán./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button