En portadaÚltima hora

Casaio celebra esta fin de semana as Festas do Corpus

As orquestras Ciclón, Jerusalén e Costa Oeste, centran o apartado musical do programa
Procesión do Corpus en Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.
Procesión do Corpus en Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Comunidade de Montes en Man Común de Casaio e Lardeira vén de renovar a xunta directiva e unha das primeiras actividades da nova agrupación foi a organización das Festas do Corpus de Casaio, uns actos centrados no apartado relixioso e tamén musical con orquestras de renome para os días 27, 28 e 29 de maio.

O programa arrancará o venres día 27 coa sesión verbena a cargo da orquestra Ciclón e ao día seguinte, sábado 28 de maio, celebrarase o día grande. Para as 12:30h. está prevista a eucaristía na que se celebrarán as Primeiras Comunións seguida pola procesión na que o Corpo de Cristo irá protexido polo sacerdote encargado de oficiar a cerimonia, baixo o palio, suxeito por catro homes. Cada ano, a comitiva percorre boa parte do pobo con paradas en diferentes puntos, acompañada por unha charanga. Ese día a orquestra Jerusalén porá o broche musical con actuación en sesión de tarde e verbena.

As Festas do Corpus en Casaio rematarán o domingo co baile en sesión de tarde a cargo da orquestra Costa Oeste. Ademais tanto sábado como domingo haberá actividades para os nenos no parque.

Evaristo Álvarez Carrera é o novo presidente da comunidade de montes, completando a xunta César Blanco como secretario, Francisco Fernández como vicepresidente e Pilar como tesoreira, ademáis de Pedro e dous veciños máis de Lardeira como vogais.

Artigos relacionados

Back to top button