DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Case 40 quilómetros de marcha nocturna entre Vilanova (A Veiga) e Ribadelago (Zamora)

Unha trintena de camiñantes participaron na VIII “Noite entre Lobos e Estrelas” dirixida polo Club de Montaña O Trisquel de Trevinca

En Vilanova (A Veiga) a unha altura de 1.217 metros, arrancaba na madrugada do 5 ao 6 de agosto a VIII “Noite entre Lobos e Estrelas”, unha marcha dura, sobre un trazado complexo duns 38,5 quilómetros polo monte galego e de noite, non apta para todos os públicos. “Está recomendada para xente preparada e en boa forma física, porque a proba así o require”.

Quen fala é o presidente do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca Antonio Fernández (Cholo), organizador da proba (en colaboración co Concello da Veiga e Trevihost) na que participaron unhas 30 persoas. “Non podemos aceptar grupos moi grandes, para facilitar a evacuación en caso de necesidade”, di, engadindo que a orixe dos camiñantes é de toda Galicia.

Dende o punto de saída e ata a meta, os montañeiros desfrutaron da noite e do comezo da lúa chea ao longo de case 40 quilómetros polo teito de Galicia, pasando por lugares tan fermosos como agrestes: Campo Raso, Pena Trevinca, Lagoas de Piatorta e Lacillo, Moncalvo, Cañón del Tera,… Despois de trece horas e media (media hora antes do previsto), xa no mediodía do domingo 6 de agosto, 28 dos trinta participantes chegaban á meta, cansados pero satisfeitos. “Sempre poñemos Pena Trevinca como punto de referencia para que os participantes midan as súas posibilidades de completar o percorrido e nese punto, dous deles decidiron dar a volta”, explica Cholo.

Fotos: Carlos G. Hervella excepto as 8 últimas da galería que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button