En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A castaña seca, protagonista da VI Festa da Pisa de Parada de Sil

Numerosas persoas asistían a esta celebración que recrea o proceso tradicional da preparación das castañas secas

Ao pé do sequeiro e ao carón dos castiñeiros. Ese era o escenario no que se desenvolvía a partires das 11:30h. da mañá do 18 de novembro a VI Festa da Pisa en Purdeus (Parada de Sil). Numerosas persoas se sumaban a esta iniciativa que recrea o proceso tradicional da preparación das castañas secas.

Saco a saco, os veciños levaban as castañas dende o sequeiro ata o lugar da pisa, onde catro persoas golpeaban á vez os sacos sobre un tallo de madeira. Entre os que se animaban a pisar había veciños do municipio, como a propia alcaldesa Yolanda Jácome, así como visitantes. Despois os sacos baleirábanse e comezaba o abandoxado, para sacarlles a segunda pel a estes froitos de outono. Finalmente, as castañas, xa limpas, depositábanse en cestos para ser degustadas polos asistentes. Os golpes da pisa, ían acompañados polo son tradicional do grupo Os Trabazos de Castro Caldelas que animaban a celebración.

Ao mesmo tempo, podía visitarse a VI Feira de Produtos Locais con ata 13 postos nos que podía degustarse e mercarse viños, marmeladas, queixo, licores, pan, doces como a bica… Ademais podía verse unha exposición dos debuxos solidarios do alumando do colexio Ciudad de Zaragoza de Madrid, enviados como un agasallo ao Concello de Parada de Sil tras a vaga de lumes sufrida na zona. A partires das 14h. servíase o Xantar Popular da Castaña, ao prezo de 15 euros por persoa. Nel un cento de comensais daban boa conta dun suculento menú: empanada, ragú de terneira con castañas, biscoito de castañas, pan, bebida e café.

Dende o Concello de Parada de Sil faise un balance positivo desta edición e pénsase xa na do vindeiro ano. “A parte máis alegre do día do hoxe é que a maior parte do público que está aquí non é do concello de Parada de Sil, iso quere dicir que a Festa da Pisa se vai dando a coñecer e vén xente de fóra de Ourense incluso, de Narón cónstame que hai un grupo de xente e iso é bo para nós”, asegura Francisco Magide, concelleiro de Cultura de Parada de Sil. Entre os asistentes nesta edición estaba a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz.

Fotos: Ángeles Rodríguez, agás as dúas últimas da galería que son de Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button