En portadaGalerías de fotos

A castaña seca, raíña de Froxán

Esta localidade lucense celebraba o 6 de decembro a XVII Pisa da Castaña, organizada pola Asociación Cultural Fonte do Milagro

Multitude de persoas dábanse cita na xornada do 6 de decembro na XVII Pisa da Castaña Seca de Froxán (Folgoso do Courel). A celebración comezaba co acendido do sequeiro, situado á entrada do pobo. Pouco despois, comezaba o tradicional proceso de pisado e abandoxado, seguidos con atención por numeroso público.

Ao redor da unha tiña lugar unha homenaxe á Librería Celia, que dende hai anos participa cun posto de venda de libros nesta festa. A súa propietaria, Celia, recibía unha placa de mans da Asociación Fonte do Milagro (organizadora da Pisa) e tamén un agasallo do Periódico O Sil, que hai dous anos presentaba nesta mesma celebracióin o libro “Oro en la Galicia interior. Minería romana”, do que esta librería leva vendidos xa 207 exemplares. Ademais a Fundación Xermán Estévez entregáballe un libro de poesía referido a Ribeira Sacra e recentemente publicado por esta entidade.

De seguido, tiña lugar o acto do pregón a cargo do presentador e humorista Xosé Antonio Touriñán, quen minutos antes participaba tamén nos labores de pisado. Tras nomear, un a un, aos 21 veciños que na actualidade ten Froxán, Touriñán explicaba se maneira moi particular e facendo uso do humor a orixe do froito do castiñeiro.

E tras o pregón, chegaba o momento do xantar “do pisador”, cuxo ingrediente principal é a castaña. Pola tarde, continuaban as demostracións de pisado e abandoxado. Ademais ao longo da xornada non faltaba a música.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button