OurenseÚltima hora

O castelo medieval da peroxa acollerá o III “Festival A Noite dos Metelos”

Esta cita cultural, que se celebrará o vindeiro 19 de agosto, mesturará música e gastronomía
José Manuel Iglesias, Manuel Seoane, Manuel Doval e Antonio Fernández.

A zona do Castelo Medieval da Peroxa será o escenario da terceira edición do Festival “A Noite dos Metelos”, un evento cultural que mesturará, o vindeiro 19 de agosto, música e gastronomía.

O deputado provincial de Cultura, Manuel Dova, destacou na presentación de hoxe, 16 de agosto, a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas que “dan a coñecer a riqueza natural e patrimonial da nosa provincia” cun evento que “dinamiza a actividade cultural do municipio e contribúe a poñer en valor o rural”. Pola súa parte, Manuel Seoane, alcalde da Peroxa, destacou a importancia da “cooperación pública e privada para poder desenvolver este tipo de celebracións” e convidou a todo o mundo a asistir a este Festival para coñecer “unha área natural protexida no entorno das ruínas do Castelo da Peroxa”.

O empresario Antonio Fernández explicou a programación prevista para o evento que dará comezo ás 13:00 horas coa charanga Europa e continuará a partir das 14:00 horas co “Xantar de mantel” no Castelo, onde cada grupo poderá levar a súa propia comida ou ben encargala á organización. A música volverá ás 17.00 horas coa charanga Nova Terra de Trives. Ás 20:00 horas será a quenda para o campionato de Lanzamento de Aixada. A gastronomía volve á programación ás 21:00 horas coa “Cea de bocadillo” e a xornada rematará co concerto do grupo Guezos a partir das 22.00 horas. Asemade, durante toda a tarde, estará amenizando a xornada DJ Alex Magic.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button