ConcellosÚltima hora

Castrelo busca consolidar o Ribeiro Blues Wine Festival coa súa terceira edición

Un total de 24 adegas ofrecerán catas de máis de 100 marcas de viño no evento que se celebrará os días 12 e 13 de agosto
Os asistentes á presentación do III Ribeiro Blues fixeron un brinde antes do acto.
Os asistentes á presentación do III Ribeiro Blues fixeron un brinde antes do acto.

Castrelo de Miño enxalza un ano máis -e xa van tres- o viño da D.O. Ribeiro poñendo en marcha o Ribeiro Blues Wine Festival, buscando tamén a súa consolidación. Este evento que aúna enoloxía, gastronomía e a mellor música blues en directo celebrarase os días 12 e 13 de agosto nas inmediacións do Parque Náutico. Así se explicou esta mañá na presentación do cartel, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense. No acto estiveron presentes o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández, o alcalde da localidade anfitriona, Xurxo Rodríguez, e a xerente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá.

Segundo detallou o rexedor, a festa contará coa participación de 24 adegas que ofrecerán catas de máis de 100 marcas de viño da denomiación de orixe do Ribeiro. Ademais, este ano haberá como novidade unha zona de streetfood con produtos gastronómicos que potencien o sabor dos caldos autóctonos.

Na programación musical, o blues será o rei da festa. Polo escenario da localidade ourensá pasará o venres Freedonia, Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers, Johnny Cat & The Poor Dogs e Gold & Colt. Na xornada do sábado, a Vargas Blues Band protagonizará o prato forte, acompañado de grupos galegos como The Lákazans e Los Hermanos Zapruder. Na sección de fusións de sons, o festival enxalzará nesta ocasión o folclore galego, coa actuación de O Fiadeiro. A idea, segundo Rodríguez, é “facer tamén unha aposta musical plurivarietal, coma os nosos viños”.

Unha aposta á que tamén se referiu o vicepresidente da Deputación, que a calificou como “innovadora” e “orixinal”. En palabras de Rosendo Fernández, este evento “é gastronomía, é cultura, é música pero tamén é cooperación institucional”, posto que conta coa colaboración do ente provincial, do Inorde, do Agadic e do Consello Regulador, entre outros. “Apostamos polo futuro e por un sector estratéxico”, concluíu.

Pola súa banda, Cristina Alcalá agradeceu a implicación de todas as partes para levar a cabo festivais coma este e explicou que o seu deber como consello regulador é “dinamizar a comarca e as bodegas”, co obxectivo de que a xente de fóra coñeza un elemento cultural “que entronca pola raíz e pola historia”. “É un festival moi particular nun entorno magnífico que estou segura de que irá crecendo”, apuntou.

Cartel do Ribeiro Blues Wine Festival.
Cartel do Ribeiro Blues Wine Festival.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button