EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A cata final para as Distincións Gallaecia 2017 celebrarase na D.O. Valdeorras

As catas previas serán o 7 e o 21 de agosto na sede do C.R.D.O. Rías Baixas
Cata no C.R.D.O. Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

Integrada por  máis de cen sumilleres das catro provincias galegas, Gallaecia é unha asociación sen ánimo de lucro, sen patrocinios nin subvencións, que cumpre 20 anos de existencia. Un aniversario que queren celebrar na D.O Valdeorras, “xa que esta zona vitivinícola foi a primeira en acoller ao noso colectivo”, din. Por iso, a cata final para o Concurso de Viños Distincións Gallaecia 2017 celebrarase do 3 ao 5 de setembro no Complexo Hoteleiro Paladium, en Vilamartín de Valdeorras.

Este certame cumpre 19 anos, consolidado como un dos mellores concursos de viños, no só en Galicia, senón tamén a nivel nacional, e o vindeiro luns día 7 de agosto celebrarase a cata previa das augardentes e licores tradicionais de Galicia e o luns día 21 a cata previa na sede do C.R. dos viños da D.O. Rías Baixas. Tal como adiantan dende a organizacón, nesta edición participarán máis de 600 viños de todas as Denominacións de Orixe de Galicia. Asemade, os distintos paneis de cata foron conformados por catadores de toda a comunidade, xunto a sumilleres de Madrid, Castela León e Asturias.

Con respecto á cata final que terá lugar en Valdeorras a comezos de setembro, celebrarase en tres xornadas: a primeira o domingo día 3 pola tarde; a segunda o luns día 4 ao longo de todo o día; e a terceira o martes día 5 pola mañá. Os membros de Gallaecia que formarán parte dese panel final “son aqueles que teñen participado en maior número de catas previas desta edición e os técnicos que sexan designados polos CC.RR. de Galicia”, puntualizan dende e a asociación de sumilleres.

 

Artigos relacionados

Back to top button