ConcellosÚltima hora

Catro días para celebrar o San Jorge en Vilamartín

O grupo Los Íñigos actuarán mañá, venres 24 de abril pola noite

A procesión coa imaxe de San Jorge abría hoxe o programa das festas patronais de Vilamartín de Valdeorras que se estenderán ata o domingo 26 de abril. Hoxe o apartado musical correrá por conta da orquestra Fénix que actuará na praza en sesión de tarde e tamén verbena.

Para mañá venres 24 de abril en torno ás 23h, está previsto un concerto do grupo Los Íñigos, catro músicos valdeorreses que amenizarán o ambiente na praza José Luis Núñez: Guateque con música dos anos 60 e 70 e festa-baile con temas dos 80 e incluso 90. De seguido, a verbena continuará ata altas horas da madrugada a cargo da discoteca móbil JV2 con Javi Hit.

Ao ritmo dos sons discotequeiros chegaremos ao sábado 25 de abril. Para ese día está prevista a II edición da Feira de Viños de Vilamartín de Valdeorras na que se darán cita diferentes adegas do municipio. A cita será na praza en horario aproximado de 11 a 14h. Ese mesmo día haberá teatro no Centro Sociocultural Santa Lucía, a cargo do grupo Xaime Prada. O baile correrá por conta da orquestra Charleston Big Band.

Para o domingo 26 de abril, está prevista unha nova procesión que sairá en torno ao mediodía harmonizada musicalmente por unha banda de música que despois da misa dará un concerto na praza. Ese día haberá un parque infantil na praza en horario de mañá.

O domingo será tamén o día dos tradicionais partidos de fútbol sala no pavillón de O Bañadoiro a partires das cinco da tarde, de solteiros contra casados e solteiras contra casadas. O fin de festa correrá por conta da orquestra Pontevedra, así como dos fogos de artificio que porán o broche a catro días de festa.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button