CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Cinco valdeorreses do Divina Pastora gañan o premio do Concurso da Constitución

O certame versou sobreo título VIII “De la organización territorial del Estado” e en total foron 40 os gañadores

Tal día como hoxe, 6 de decembro, hai 39 anos, ratificábase a Constitución Española nas Cortes. E tal día como hoxe, hai 34 anos, a Subdelegación do Goberno en Ourense organizaba un concurso de debuxos para escolares con motivo da conmemoración do aniversario da Carta Magna. O Auditorio Municipal de Ourense encheuse dos escolares de Primaria e Secundaria premiados polo xurado por representar sobre o papel o título VIII da Constitución: “De la organización territorial del Estado”.

A esta cita acudiron diferentes personalidades como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e de cargos do Congreso, Senado, Parlamento galego, deputados provinciais, ademais doutras institucións, xunto con representantes do ámbito social, da xudicatura e da cultura, que foron os encargados de entregar os premios aos escolares.

Entre os 40 premiados, houbo moitos representantes de Valdeorras. Concretamente na categoría de Educación Primaria, que gañaron un exemplar da Constitución e unha cámara mergullable “Go-Pro”. Estes gañadores foron: Angelitssa R. Núñez Ragi, Laura López, Patricia Oviedo, Mauro Losada e Celina Cuéllar; do Colexio Divina Pastora do Barco. Os galardoados de Secundaria, Bacharelato e FP recibiron unha viaxe a Madrid cunha visita ao Congreso dos Deputados e ao Senado.

Todo o acto xirou en torno ás árbores e á natureza, a través da lectura de poemas de sinalados autores, como Rafael Alberti, que facían referencia ao medio nos seus versos. Pero foi o Subdelegado do Goberno, Roberto Castro, o que puxo o toque reivindicativo nas súas verbas asegurando que “son as árbores a expresión máis xenuína da personalidade dun territorio e das ansias que o habitan”. Castro foi tallante ao reiterares que “non é admisible que perdamos impunemente, cada ano, miles de hectáreas calcinadas pola acción de mans irresponsables” e fixo referencia á fin de semana máis negra “para Galicia e Ourense” sucedida en outubro.

Pero o independentismo tamén tivo cabida nas verbas do Subdelegado, posto que nesa fin de semana que ardían os montes galegos “outros irmáns nosos, habitantes do Nordeste peninsular, dedicaban a súa enerxía e os seus afáns a quiméricas divisións territoriais”. Facendo referencia ao ano 1978, contou que “habitaban territorios distintos e distantes no noso gran país” e sen embargo “foron capaces do acordo e do entendemento, ofrecéndonos unha Constitución”. Neste punto, Roberto Castro fixo referencia ao recentemente falecido Manuel Marín, “europeísta convencido”, dixo, “español íntegro e traballador incansable por España”. Castro rematou facendo un chamamento “á concordia, á convivencia e á unidade de todos” que foi a mensaxe dos traballos dos escolares da provincia que participaron nesta edición do Concurso da Constitución.

A máis destes premios escolares, no acto entregáronse recoñecementos á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), “polo seu labor asistencial”; ao Instituto Calasancio Hijas de la Divina Pastora, en homenaxe ao Pai Faustino Míguez, recentemente canonizado no Vaticano. Tamén recibiron o seu recoñecemento os mandos da Garda Civil, os tenentes coroneis Jesús Gómez e Orentino Varela. E o Comisario da Policía Nacional de Ourense, Antonio Álvarez Valencia, que recibiu a Medalla ao Mérito Civil.

O acto rematou coa interpretación cos himnos de Galicia e España e cunha foto de familia de todos os premiados.

Texto: Carlos Asensio.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button