Catro valdeorreses promoven unha iniciativa para apadriñar castiñeiros centenarios abandonados

O seu primeiro apadriñamento tiña lugar o propio día de San Martiño, o 11 de novembro, en Biobra (Rubiá)

Levaban tempo comentando a idea, pero non era ata hai un ano cando un grupo encabezado por catro valdeorreses decidía darlle forma a través da fórmula dos apadriñamentos. “O castiñeiro é unha árbore tradicional, moi antiga e vemos que hai moitos que se están perdendo por falta de coidados, xa sexa porque pertencen a persoas que están fóra ou que os deixaron por outros motivos. Falando sobre o que se podía facer ante isto, xurdiu a idea de promover unha iniciativa para recuperar castiñeiros abandonados, falando cos seus propietarios, negociando con eles, mercándollos ou como sexa. E despois, buscar a alguén interesado en apadriñalo, é dicir, que se comprometa a coidalo, a visitalo, a recoller as súas castañas…”, comenta José Antonio Iglesias, un dos promotores do proxecto.

O primeiro deses apadriñamentos facíase realidade o 11 de novembro en Biobra (Rubiá), coincidindo co día de San Martiño. A persoa que asumía ese compromiso era Rocío Vázquez. “Estaba moi interesada e a verdade é que ese acto foi unha sorpresa para ela. Limpouse a zona, porque estaba chea de maleza, e colocouse unha placa co seu nome”, comenta Iglesias. Non faltaban tampouco os discursos. Antes deste acto, tiña lugar unha andaina pola Serra da Enciña da Lastra, seguida dun xantar e, despois, do tradicional magosto.

 

Asistentes ao acto de apadriñamento deste primeiro castiñeiro en Biobra (Rubiá).

 

Este primeiro apadriñamento tiña asemade un carácter simbólico e buscaba amosar o que pretende este grupo de valdeorreses que xa está traballando na posta en marcha dunha fundación para desenvolver o seu proxecto. “É unha mostra do que queremos facer. A iniciativa vai dirixida a xente interesada, con sensibilidade con este tema e que queira colaborar. Ten unha parte festiva, pero tamén se adquire un compromiso. De feito se as persoas que fan o apadriñamento non cumpren con eses coidados e esa atención, quitaríaselles”, aseguran.

Contan que son moitísimos os soutos antigos que están perdidos en Valdeorras e que xa saben de xente interesada en apadriñar. Comezaban con este proxecto na zona de Rubiá, pero pretenden exportala a outras zonas. “Queremos centrarnos en castiñeiros antigos, de 100, 200 ou 300 anos, e que se atopen a piques de perderse, porque é unha mágoa que estean nesa situación. Pensamos que é unha iniciativa bonita, temos moita ilusión e esperamos que saia adiante”, apuntan.

Fotos cedidas.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies