ConcellosÚltima hora

O CEIP Julio Gurriarán do Barco terá por fin o seu pavillón

O proxecto inclúe as duchas e o peche total da infraestrutura e previsiblemente as obras comezarán en xuño de 2018
Unha das concentracións celebradas no patio do Julio Gurriarán para demandar o pavillón./ Foto: Mónica G. Bellver.

Levou tempo. Máis de dez anos de peticións, de reivindicacións, traballo, concentracións e reclamacións pero por fin, o CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras terá o ansiado e necesario pavillón. Así o veñen de confirmar dende o Anpa e a Comunidade Educativa do colexio que, na mañá do 29 de novembro, mantiña unha reunión no propio centro coa xefa territorial de Educación, co secretario técnico da Consellería de Educación, co inspector e co tenente de alcalde do Concello do Barco, na que se lles presentaba “o proxecto final do pavillón do colexio”.

Tal como explican dende o centro (o único de educación infantil e primaria da comarca que aínda non conta con esa infraestrutura), en setembro deste mesmo ano mantiñan outra reunión na que se lles presentaba un proxecto inicial que “ao noso parecer tiña carencias, posto que non incluía duchas, o peche era parcial… ” ademais dende O Barco pedían un novo patio cuberto posto que o novo irá onde está o actual, así como a cementación do patio de terra. Unhas peticións que finalmente foron atendidas pola Consellería. “Todas as melloras que propuxemos naquela reunión veñen hoxe incluídas no novo proxecto. O pavillón estará pechado completamente, terá duchas e estará illado”.

Na reunión celebrada esta mañá quedaba de manifesto que tanto Xunta como Concello, partes implicadas economicamente no proxecto, están dacordo e que “en breve asinarán os papeis necesarios para que en marzo saia publicado no DOG”. Segundo as previsións, as obras poderían comezar no mes de xuño de 2018.

Artigos relacionados

Back to top button