EconomíaEconomíaÚltima hora

Celebra e Bebega axudarán con novas ideas aos futuros noivos e aos futuros pais

Ambos salóns serán en Expourense durante esta fin de semana -14 e 15 de outubro- e contarán con obradoiros e pasarelas de moda
Presentación de Celebra e Bebega na CEO. // Foto: Carlos Asensio.

Fin de semana festiva en Expourense. O salón de exposicións da capital das Burgas acollerá esta fin de semana, 14 e 15 de outubro, unha dobre cita para familia: Celebra, o salón de vodas, bautizos e comuñóns e actos sociais; e Bebega, que axuda ás familias a preparar a chegada dun novo membro á familia. A presentación destes ambos salóns celebrouse hoxe, 10 de outubro, na Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

Este ano Celebra chega á maioría de idade, xa que celebra a súa décimo oitava edición. Este ano presenta “unha ampla oferta de produtos e servizos” cos que se dá resposta á complexa organización de actos sociais.

En total, máis dunha ducia de sectores estarán presentes en Celebra, na que destaca a oferta da restauración, organización de viaxes e animación de eventos, que son os que terán maior representación. Asemade, tamén haberá un espazo para a moda nupcial e de festa, alugueiro de vehículos, xoiaría, perruquería, estética, fotografía, floristería, agasallos e prensa especializada.

Pero as pasarelas non marchan de Celebra. O público amante das últimas tendencias en moda nupcial e festas teñen unha cita tanto o sábado como o domingo ás 18:00 horas e contarán coa participación de grandes firmas como Alvarino, Angelo Milano, Dracena; Loyma, Nicandra, Noar Novias, Paris Diffusion. A Axencia Luena será a encargada de coordinar o evento e o director da axencia, Manuel Ángel Varela asegurou que este “vai ser un evento 100% ourensán”.

Dende Expourense sinalaron que Celebra “é unha oportunidade para reactivar o comercio minorista” e apuntan que tamén concentra un importante volume de negocio, “xa que o custo medio dunha voda en Galicia, con preto de 100 convidados, rolda entre os 16.534 euros”, segundo os datos da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes.

Bebega

Este salón nace como unha mostra especializada no bebé. As empresas e asociacións participantes ofrecerán unha escolma de produtos e servizos orientados ao benestar do bebé: puericultura, moda, decoración, agasallos… Esta mostra conta tamén coa participación da Asociación Galega de Matronas que participarán nesta cita para resolver as dúbidas tanto das embarazadas como das que veñen de dar a luz. Os participantes tamén poderán participar en sorteos de material para bebés.

Artigos relacionados

Back to top button