OurenseÚltima hora

Centos de alumnos ourensáns inauguran Megaxove en Expourense

O Salón da Xuventude convértese no punto de encontro da mocidade galega con 30 actividades relacionadas coa tecnoloxía, o lecer e o deporte
Acto inaugural de Megaxove.

Megaxove abriu na mañá de hoxe, 5 de decembro, as portas da súa décimo oitava edición cun programa de máis de 30 actividades vencelladas á tecnoloxía, á educación, ao lecer ou ao deporte que están a servir de punto de encontro para a mocidade e as súas familias.

Centos de alumnos do IES 12 de Outubro e escolares co CPR Luis Vives, entre outros, foron os primeiros en visitar Megaxove na súa primeira mañá de actividade elixindo entre as múltiples opcións que ofrecían os expositores. Coincidindo coa celebración hoxe do Día Internacional do Voluntariado, o obxectivo destas actividades non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente.

Ata mañá ás 20:00 horas, o Salón da Xuventude serve, ademais, de plataforma para darlle visibilidade ao labor que realizan durante todo o ano as asociacións xuvenís e clubes deportivos como é o caso da Asociación Xuvenil Amencer, de Cruz vermella Xuventude ou da Asociación Cultural Xuvenil Cipri Gomes. A vintena de expositores que participan nesta edición ofrecen unha ampla mostra das distintas opcións existentes para elixir as actividades extraescolares ou para o período vacacional: voluntariado, robótica, impresión 3D, estancias no estranxeiro para aprender idiomas, kung-fu, xadrez, atletismo, etc.

A Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, estivo tamén na inauguración do salón e indicou que “citas como esta contribúen a espertar o interese dos máis novos en actividades relacionadas coa solidariedade ou coa adopción de hábitos de vida saudables”. Asemade, dixo que para a edición do vindeiro 2018, o Salón da Xuventude podería contar, ademais, coa pista de atletismo que se construíu no recinto de Expourense e que será inaugurada o vindeiro 16 de decembro o que suporá “un valor engadido para Megaxove”. Na inauguración tamén estivo a xefa territorial de Xuventude, María José Fernández Laso; polo xefe territorial de Deportes e concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; e polo asesor de deportes da Deputación Provincial de Ourense, Bernardino González.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button