DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Chapuzón festivo no Barco

As augas do Sil acollían, o día do Cristo, o tradicional Madrugón

Non hai nada máis revitalizante que un bo chapuzón a primeira hora da mañá. Se non que llo digan aos participantes no Madrugón, a primeira cita festiva do día do Cristo no Barco de Valdeorras, que na mañá do 14 de setembro baixaron a nado as augas do río Sil, para dar a benvida á xornada festiva.

Algúns madrugaron, outros viñan directamente da noite de festa, pero todos estaban preparados para comezar a carreira que, coma nos últimos anos, vencía Pablo Israel Reodríguez. Tralos preparativos, a proba duraría só uns minutos e, mentres os máis valentes baixaban a nado, os acompañantes e curiosos quedaban na beira, esperando por eles. Entre os corredores, había xente de tódalas idades, homes e mulleres, moitos xa asiduos da cita lúdico-deportiva (que sempre atrae a fotógrafos na procura da mellor imaxe), e outros que participaban por primeira vez.

A recompensa ao madrugón e ao esforzo, retando ao frío, tiña lugar no Cafetín onde tódolos participantes compartiron un bo chocolate con churros. Durante o almorzo, o concelleiro de Deportes do Barco Julio Fernández entregou o trofeo ao gañador. Como agasallo conmemorativo desta edición para tódolos nadadores, un polo de cor verde.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button