CulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A chegada dos franceses a Valdeorras e a supresión dos señoríos, feitos novela

Antonio Castro Voces e Aurelio Blanco Trincado presentaban na tarde do 4 de marzo no Barco o libro “Correxais. No berce da cultura cara a liberdade”

Moita historia valdeorresa aderezada cunha pinga de ficción. O historiador Antonio Castro Voces e o escritor e o mestre David Vázquez Álvarez coñecíanse hai tres anos e dese contacto xurdía a novela “Correxais. No berce da cultura cara á liberdade”. Presentábana na tarde do 4 de marzo nun concurrido acto, organizado polo Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) e celebrado no multiusos do Barco.

Abría a presentación o presidente do IEV, Aurelio Blanco, quen destacaba o labor rigoroso dos autores e aseguraba que o libro é “un xeito ameno de achegarse á historia da comarca”. Deseguido, tomaba a palabra Antonio Castro Voces, quen se amosaba “sorprendido polo éxito da convocatoria” e agradecía a edición de Finisterrae e “a magnífica portada, obra de Patricia”. Ademais aproveitaba para revindiciar, no principio da súa intervención, a figura do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán, e pedía que se lle adicase o Día das Letras Galegas. Tamén agradecía a presenza do alcalde do Barco, Alfredo García, “este libro non podería ter un padriño mellor neste acto”.

Antonio Castro Voces explicaba tamén a razón de ser do título da novela. “Correxais porque é o pobo onde se desenvolven a maior parte dos feitos que se narran e, no berce da cultura, porque alí estivo o primeiro centro educativo que tivo a comarca”. Referíase asemade ao seu “compañeiro de aventuras” neste libro, David Vázquez, e comentaba que a obra está sustentada nunha serie de feitos históricos que aconteceron na zona entre finais do século XVIII e principios do s. XIX”. Historia, pero tamén ficción coa aparición de personaxes xurdidos da imaxinación dos autores como Roi.

Logo interviña David Vázquez, quen lembraba como coñeceu a Castro Voces, “un amigo inesperado”, e como se compaxinaban para levar adiante este proxecto literario que vén de ver a luz. Destacaba a riqueza da historia da comarca e reivindicaba asemade a figura de Delgado Gurriarán, “é unha inxustiza que non se lle teña dedicado un Día das Letras Galegas.

Finalmente o alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que “Correxais. No berce da cultura cara á liberdade” é un “libro histórico, de ficción e reivindicativo” en alusión ás referencias que fai a Florencio Delgado Gurriarán, ao Camiño de Inverno e aos godellos e mencías de Valdeorras. Unha actuación do cantautor Anxo Rei (acompañado por Sito á voz e á guitarra e por Luisa ao violoncello) completaba o acto. Interpretaban poemas de Florencio Delgado Gurriarán, Rodríguez Ferrer e Rosalía de Castro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button