CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A CHMS e a UVigo investigarán as orixes da contaminación difusa na conca do Limia

A demarcación hidrográfica e o Campus realizarán quince análises nun ano coas que pretenden captar a orixe das cianobacterias. Esta acción supón unha inversión en I+D de 20.691 euros
Francisco Marín e Virxilio Rodríguez. // Foto: Carlos Asensio. 

A Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS) e a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo veñen de asinar un contrato polo cal o organismo dependente do Ministerio de Agricultura encárgalle ao departamento de ciencias deste campus un servizo para “investigar a orixe da presencia de nitratos na auga do río Limia”, así o explicou o presidente da CHMS, Francisco Marín, tras a sinatura deste contrato. En total, o investimento en I+D por parte da demarcación hidrográfica no Campus ourensán ascende a 20.691 euros.

Pola súa parte, o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, agradeceu a CHMS “que tivese confiado no noso Campus para esta acción”. Francisco Marín explicou que xa se encargara unha toma de mostras e análises das augas do Limia ao CSIC de Granada “pero agora o Campus da Auga, especializado neste tema, ten os recursos para poder facer esta nova campaña”, dixo, asegurando que o obxectivo da CHMS é apostar pola investigación e o desenvolvemento a través das universidades do territorio.

Francisco Marín non deixou de reiterar que “o investimento en coñecemento é base para a mellor xestión da conca do Miño-Sil” e por iso consideran, dende o organismo que el dirixe, contar coa UVigo para a execución dos traballos “en aras da boa relación e predisposición que obtemos deste Vicerreitorado do Campus da Auga, do que somos aliados estratéxicos en diferentes proxectos”.

Estes traballos de investigación durarán un total de 12 meses, segundo explicou Jesús Simal, profesor do departamento de Ciencias que coordinará a campaña. Nese tempo, os técnicos da CHMS o tomarán unha serie de mostras en “quince puntos do río Limia e afluentes”, explicou, e logo a Universidade de Vigo realizará un estudo “isotópico do osíxeno e nitróxeno na auga” que o que permitirá será saber cal é a orixe desa contaminación. Segundo Jesús Simal, as principais teorías apuntan a que poden ser “puríns de vaca, porco ou galinácea, así como verquidos de fábricas ou incluso purín humano”.

Segundo explicou Francisco Marín, presidente da CHMS, a presenza de nitratos nas augas soe ser de orixe difusa”. O presidente reiterou que eses nitratos “son nutrientes que as algas e as cianobacterias utilizan para o seu crecemento” e que por iso é moi importante coñecer “non só a concentración de nitratos na auga, senón tamén a súa orixe, para tratar de diminuír a presenza dos nitratos na auga”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button