SanidadeÚltima hora

O CHUO acolle unha xornada internacional sobre innovación sanitaria

Este evento servirá para presentar a nova área de “Livign Lab” do novo edificio de Hospitalización do Complexo ourensán
Novo edificio de hospitalización do CHUO.

O novo Edificio de Hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acollerá mañá martes, 26 de setembro, a xornada internacional de innovación en saúde “RIES 2017” -Retos Internacionais do Ecosistema de Saúde- organizada polo Cluster Saúde de Galicia e que “servirá de marco para a presentación de relevantes proxectos de innovación neste sector”, aseguran dende o CHUO.

O Cluster Saúde de Galicia é unha entidade, sen ánimo de lucro, formada por centros  sanitarios e de investigación, públicos e privados, empresas do sector sanitario e universidades, que ten por obxectivo dinamizar e promover o desenvolvemento do sector desde a cooperación. Contribuindo ao seu desenvolvemento económico-social e procurando sinerxias no I+D+i do entorno sanitario.

Nesta súa segunda edición, RIES será a plataforma elixida para a presentación da  Área de Innovación do Hospital Universitario de Ourense, no novo Edificio de Hospitalización, que constitúe o marco físico para o desenvolvemento dun Laboratorio en en Entorno Real ou “Living Lab”, un novo concepto de investigación centrada no paciente, apoiándose na innovación aberta para xerar unha contorna de experimentación, onde investigadores e pacientes cooperan, para desenvolver novos procedementos asistenciais para desenvolver novos procedementos asistenciais mais eficientes cara a calidade de vida e confort dos pacientes. 

Para elo, o novo edificio de hospitalización, que servirá de marco a xornada, conta cunha Unidade de Hospitalización Experimental, con 21 camas; Cuberta Terapeútica, adaptada a actividade asistencial e de educación para a saúde; novas áreas de investigación e docencia, con salas multimedia, de co-creación e laboratorios e espazos de innovación e co-working. Todo elo proxectado e equipado cos últimos avances no eido da domótica e a bioinxeniería, “o que o converten nun núcleo clave para desenvolver proxectos de investigación, docencia e innovación”, apuntan fontes do CHUO, no marco do macroproxecto H2050, dotado con finanzación de fondos FEDER da Unión Europea.

Ademais dos novos espazos, no #RIES2017, presentaranse os 23 primeiros proxectos do Living Lab de Ourense, que teñen como nexo de unión a mellora da atención sanitaria dos pacientes, co foco posto na modernización dos procesos asistenciais relacionados con envellecemento e cronicidade. Se trata de centrar a asistencia na poboación real de Ourense, procurando e testando novas fórmulas asistenciais, adaptadas ao envellecemento, protagonista do día a día asistencial, na procura non só de curar, senón de manter a saúde, e promover e protexer a autonomía e capacidade funcional, da maioría dos pacientes da provincia e, nun futuro, de todos.

Vocación internacional

Ademais destes, a xornada acollerá a presentación de novos proxectos europeos, grazas  a participación da ECHAlliance (European Connected Health Alliance) que abordará distintas experiencias en Cataluña,  Estonia e Bélxica. Xunto a eles presentaranse os primeiros resultados do proxecto Poctep “Código Máis” (Interreg Galicia-Norte de Portugal) de creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación en saúde.

Ante o interés suscitado, nesta edición celebrarase unha xornada previa, mañá luns, día 25 de setembro, no Centro de Innovación Social Dixital “La Molinera”, centrada na innovación en saúde que se está a desenvolver en Ourense, e que igualmente inclúe un dos proxectos vinculados ao macroproxecto H2050: “Habitación Inteligente. SISENS”, premiado proxecto pilotado polo Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que promove o emprego das TIC para monitorización automatizada e a distanza dos parámetros relativos ao paciente, desde constantes biolóxicas a datos ambientais.

Artigos relacionados

Back to top button