OurenseÚltima hora

O ciclo “En clave de cámara” propón oito meses de música clásica na cidade

Os concertos serán no Teatro Principal cada xoves e arrancan a partires de outubro con entradas que oscilan entre os oito e os cinco euros
Jesús Vázquez, Belén Iglesias, Patrik Alfaya e Carlos Carbonell. // Foto: Carlos Asensio.

Ourense tocará “En clave de cámara” a partires de outubro. A música clásica encherá o Teatro Principal da capital cada xoves para que os amantes deste xénero e os afeccionados poidan gozar “dende músicas de Bach, Bethoven ou Vivaldi, até o máis contemporáneo”, asegurou o director de “En Clave de Cámara”, Carlos Carbonell na presentación de hoxe, 12 de setembro, no Concello.

Así, esta quinta edición do ciclo súmase a actividade cultural que durará até xuño do vindeiro 2018 e que, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, “axuda a consolidar a Ourense como destino cultural”. Unhas verbas que foron avaladas polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez: “En clave de cámara é unha cita xa consolidada na nosa cidade. O que hai que destacar do programa -dixo- son os clásicos e as apostas arriscadas con moito nivel”.

Entre os intérpretes presentes no programa, está o pianista ruso Nicolai Lugansky, así o destacou o asesor musical do “En clave de Cámara”, Patrik Alfaya. Pero tamén contarán con Cristina Pato “que desta volta vaise sentar ao piano, deixando de lado a gaita”, asegurou o alcalde.

O prezo das entradas é de 8, 7 e 5 euros, dependendo da localidade escollida no Teatro Principal. Ademais, tamén van colaborar cos centros educativos e co Conservatorio Profesional de Música de Ourense, “xa que este ano queremos que teña un alto valor didáctico”, dixo Belén Iglesias.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button