EconomíaEconomíaÚltima hora

A cidade brasileira de Foz de Iguazú acollerá Termatalia 2018

O lugar abrangue as famosas fervenzas do Iguazú, patrimonio natural da humanidade e unha das sete marabillas naturais do mundo, entre Brasil e Arxentina
Gilmar Piolla (na pantalla), Alejandro Rubín, Manuel Baltar e Marisol Díaz // Foto: Carlos Asensio.

Perú, Arxentina, México e agora Brasil. A Feira Internacional de Turismo Termal Saúde e Benestar, “Termatalia”, xa ten sede para a súa próxima edición en Latinoamerica . Concretamente, a cidade de Foz de Iguazú, no Estado de Paraná, será a encargada de acoller esta cita internacional que ten a súa orixe en Expourense. Este paraxe natural atópase entre Brasil e Arxentina. Aínda que o río Paraná fai fronteira, nun punto, con Paraguay, tamén.

Segundo explicou o director de “Termatalia”, Alejandro Rubín, Iguazú é unha cidade “sostible por excelencia cun grande valor de negocio” e na que os seus principais recursos económicos están vencellados moi de preto ao auga. Neste punto do mundo, de feito, atópanse as famosas fervenzas de Iguazú, e tamén contan coa central hidroeléctrica mais grande do mundo. Un total de 20 delegacións daranse cita neste punto “considerado patrimonio natural da humanidade e unha das sete marabillas da natureza”, dixo Rubín, con máis de 700 caídas de auga.

Na presentación de hoxe, 24 de abril, estiveron presentes tamén o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. O presidente do executivo provincial salientou que Termatalia está dentro dese plan “Ourense la provincia Termal”, que leva a cabo o seu goberno. Asemade, Marisol Díaz, destacou que a internacionalización e visibilización do termalismo galego é posible grazas a eventos como Termatalia. Finalmente, Baltar quixo expoñer a importancia de que Brasil se interese por Ourense porque “é e seguirá sendo un referente termal a nivel mundial”.

A candidatura brasileira como sede está apoiada, dixeron na presentación, polo Fondo Iguazú de Desenvolvemento e Promoción Turística e conta co apoio das principais entidades públicas e privadas vencelladas ao turismo desta rexión. O vicepresidente de Fundo Iguazú, Gilmar Piolla, manifestou a través dun vídeo, a súa “satisfacción e orgullo por teres sido elixidos para acoller Termatalia” e comprometeuse para organizar “unha grande edición que entre dentro da historia do termalismo mundial”.

Fervenzas do Iugazú entre Brasil e Arxentina. // Foto cedida por Expourense. 

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button