OurenseÚltima hora

A cidade volve recuperar os seus niveis normais de calidade do aire

Os medidores rexistraron valores de calidade “moi mala” os días 15, 16 e 17 de outubro debido aos incendios
Vista da cidade dende Montealegre. // Foto: Carlos Asensio.

Debido aos incendios acaecidos nesta fin de semana nas inmediacións da cidade e a unhas especiais condicións meteorolóxicas, a capital das Burgas superou os valores de referencia nos analizadores da Caseta de Calidade do Aire do Concello de Ourense situada na Alameda, sendo este cualificado de calidade “moi mala”.

Estes datos sufriron un aumento por mor deses lumes, e os únicos que superaron os niveis lexislados foron os de partículas en suspensión, informan dende o Concello. Esas “partículas” son substancias, a excepción da auga, presentes na atmosfera en estado sólido ou líquido baixo condicións normais e cuxo tamaño é microscópico, pero sempre superior ás dimensións moleculares.

Un factor importante no efecto das partículas na saúde, xunto coa súa composición, é o tamaño das mesmas, posto que determina o seu grado de penetración e o tempo de permanencia nas vías respiratorias.

Segundo informaron dende o Concello, os maiores datos de contaminación rexistráronse o 16 de outubro entre as 9:00 e as 22:00 horas con partículas menores de 10 micras.

O longo da noite do día 16 e na madrugada e mañá do día 17 de outubro a contaminación, e polo tanto os datos, baixaron notablemente, dende as 10:00 horas desta mañá os valores xa están por debaixo de 50 microgramos cada metro cúbico, seguindo co padrón de redución, xa que o último dato tomado ás 13:10 é de 14,31 microgramos cada metro cúbico.

Dende o consistorio aseguran que Ourense volveu recuperar os seus valores habituais segundo as súas medicións.

 

Artigos relacionados

Back to top button