OurenseÚltima hora

A CIG organiza un xantar “para que a sociedade ourensá homenaxee a Etelvino Blanco”

O histórico sindicalista xubilase e os seus compañeiros farán un evento, o 21 de outubro, para lembrar o seu percorrido pola loita sindical na provincia
Virxinia Cortiñas, Xosé Rodríguez e Anxo Pérez. // Foto: Carlos Asensio.

O histórico sindicalista da CIG, Etelvino Blanco, vai recibir unha homenaxe por todo o alto “por parte da sociedade ourensá que participou canda el durante todo o seu percorrido”. Así o contou na presentación de hoxe, 20 de setembro, o secretario comarcal do sindicato, Anxo Pérez Carballo.

Etelvino Blanco, asegurou o seu compañeiro Xosé Rodríguez Díaz, “forma parte da historia de Ourense xa que mantivo a loita no campus de Ourense, polo Ateneo, polo Procap ou a reforma da sanidade”. Segundo explicou Xosé Rodríguez, este acto vai ser “como unha especie de recoñecemento para que, a pesar de estar xubilado, continúe coa actividade xa que un non se xubila de ser cidadán”.

O acto arrancará cunha serie de discursos por parte do propio homenaxeado e dalgúns membros do sindicato. Seguidamente, pasarán a visionar un vídeo con todo o percorrido de Etelvino Blanco na loita sindical ourensá: “A verdade que é moi difícil aglutinar nun vídeo todos estes anos de traballo”, remarcou unha das compañeiras, Virxinia Cortiñas. Unha vez remate o acto, todos celebrarán unha comida de confraternidade. “Pero tamén haberá sorpresas”, aseguraron os tres sindicalistas.

Todo isto vaise desenvolver nas instalacións de Aixiña, en Ourense -ao carón de Expourense-, o 21 de outubro ás 12:30 horas.  Os que queiran asistir, informaron dende a CIG, terán que acudir ao local deste sindicato no Parque San Lázaro, para mercar o pase para comer a un prezo de 25 euros. Asemade, os representantes sindicais dos Comités de Empresa, “tamén terán un talonario de tikets para os traballadores”, informaron. O aforo será limitado, “non máis de 300 persoas”, e o prazo de adquisición da entrada está aberto até o 13 de outubro.

Cartel da homenaxe.

Artigos relacionados

Back to top button