OurenseÚltima hora

Cita do deporte na II Carrera de las Empresas de AJE Ourense

A cita terá lugar o 8 de outubro e terá un traxecto de 6 quilómetros que se poderá facer correndo ou camiñando
César González, Jesús Vázquez e Lois Babarro.// Foto: Carlos Asensio.

“Non é un reto deportivo, senón un encontro entre os participantes coa fin de xerar vínculos e fomentar valores como a cooperación e o traballo en equipo”. Así definía hoxe, 13 de setembro, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE), Lois Babarro, a Carreira das Empresas, que celebrará a súa segunda edición o domingo, 8 de outubro, polas rúas da cidade.

Segundo informou Babarro, a inscrición está a aberta a todos os que queiran unirse para percorrer os 6 quilómetros e que pertenzan, non só ás empresas, senón tamén a organismos, concellos, institucións, colexios, facultades etc.

“A participación da primeira edición foi de 308 corredores, e esperamos superar esa cifra este ano”, dixo Lois Babarro na presentación. O presidente estivo acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente de AJE, César González, entre outros.

A saída será no Pavillón Paco Paz, onde se entregarán os dorsais a primeira hora da mañá. Os corredores inscritos comezarán ás 10:30 horas este circuíto urbano que percorrerá o Barbaña, as rúas Desengaño, Paseo e Santo Domingo, Praza Maior, As Burgas, e novamente o Barbaña, para rematar no Paco Paz. Para rematar, os participantes daranse cita, ás 12:00 horas, en Expourense para a entrega dos trofeos e degustar dun aperitivo. Os premios consistirán en trofeos ás distintas categorías (aínda pendentes de determinar) e agasallos dos patrocinadores.

A inscrición, dispoñible na web www.championchipnorte.com, terá un custo de sete euros por persoa e pode realizarse por equipos de dous a cinco persoas (cada empresa o institución pode anotar tantos grupos como queira). Seguindo coa tendencia solidaria que os xoves empresarios imprimen ás súas actividades, de cada inscrición destinarán un euro á asociación Down Ourense, entidade seleccionada este ano para este fin e destacada co galardón ao labor solidario nos últimos premios AJE Ourense.

Pola súa banda, Jesús Vázquez loou esta iniciativa de AJE e desexoulle un gran éxito animando a todos os traballadores a participar. Vázquez destacou as vontades do deporte non só dende o punto de vista da saúde, senón tamén “para socializar e crear vínculos, por iso esta carreira é digna de aplauso e apoio”.

Artigos relacionados

Back to top button