En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Clases prácticas de Educación Viaria polas rúas do Barco

Alumnos de 2º, 4º e 6º do CEIP Otero Pedrayo participan na actividade en colaboración coa Policía Local

Cun cartón vermello e outro verde, un en cada man, un grupo de 15 alumnos de segundo de Educacón Primaria do CEIP Otero Pedrayo, comezaban en torno ás dez da mañá do venres 24 de marzo, cun percorrido polas rúas do Barco de Valdeorras acompañados por dúas profesoras e un Policía Municipal. De cando en vez, paraban nun punto concreto (un paso de peóns, un semáforo, un cruce,…) para comprobar se os viandantes respectaban os sinais. Se o facían correctamente xuntos levantaban o cartón verde e se cometían algunha infracción levantaban o vermello para informar ao municipal.

Así, ao longo do percorrido descubriron e denunciaron varias infraccións como facer un ceda o paso en lugar de stop, estacionar na beirarrúa, cruzar a estrada por un lugar distinto ao paso de peóns, circular sen cinto de seguridade, etc. chegando incluso a axudar ao municipal a poñer unha multa. Ao rematar, na praza do Concello, o Policía dáballes unhas nocións sobre como subir e baixar dun autobús e tamén como comportarse durante o traxecto. No segundo grupo, realizaron o percorrido os alumnos de 4º e 6º.

Esta actividade de Educación Viaria que o colexio desenvolve por segundo ano en colaboración coa Policía Local forma parte do proxecto Mobilidade Sostible e Segura.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button