ConcellosÚltima hora

Clausúrase o obradoiro de emprego de Viana, Manzaneda, Trives e A Mezquita

Este obradoiro contaba con 20 alumnos, 2 monitores, 1 administrativo, 1 docente

 

Participantes no acto de clausura do obradoiro, no exterior do Concello de Viana do Bolo.

 

O salón de plenos do Concello de Viana do Bolo convertíase na mañá do 15 de marzo en escenario do obradoiro de emprego que vén de desenvolvendo dende hai seis meses neste municipio, pero tamén nos de Manzaneda, A Pobra de Trives e A Mezquita. O acto contaba coa presenza dos rexedores destes municipios (agás o de Trives), así como coa de responsables da Consellería de Economía e Emprego.

Durante a clausura facíase unha valoración do resultado desta iniciativa e, de seguido, procedíase á entrega de diplomas acreditativos aos alumnos participantes. Este obradoiro contaba con 20 alumnos, 2 monitores, 1 administrativo, 1 docente e un director e o seu obxectivo principal era impartir formación orientada a unha saída laboral a 20 parados ao mesmo tempo que desenvolvían obras necesarias para estes concellos.

O obradoiro dispoñía dunha achega de 179.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria e unha aportación de 59.000 euros dos catro concellos implicados, segundo se indica dende o Concello de Viana. Ademais o seu alcalde, tamén adianta que estes “catro concellos voltaremos a presentar solicitude de obradoiro na convocatoria do 2017. Dada a valoración tan positiva por parte de todos os implicados nesta experiencia e o resultado alcanzado os concellos de Viana, Manzaneda, Pobra de Trives e A Mezquita esperamos que a consellería nos aprobe un novo obradoiro neste ano”.

 

Artigos relacionados

Back to top button