EconomíaEconomíaÚltima hora

“Comercio con talento” implica ao alumnado ourensán

A campaña vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e en Ourense desenvolverase no CIFP Portovello e o CPR Santo Cristo
A directora xeral de Comercio, na presentación da campaña en Ourense.
A directora xeral de Comercio, na presentación da campaña en Ourense.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentaba na mañá do 26 de marzo na cidade de Ourense a campaña “Comercio con talento”, que pretende “impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación”.

Esta iniciativa vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e ao de grao superior de Xestión comercial e marketing. Os estudantes dos centros participantes, que traballarán en grupos de catro persoas, deberán propoñer antes do 5 de xuño a candidatura do comercio que, ao seu xuízo, sexa o máis innovador da súa zona, seguindo determinados criterios. En Ourense se desenvolverá no CIFP Portovello e o CPR Santo Cristo.

A directora xeral de Comercio explicaba tamén que un xurado especializado escollerá ao negocio gañador en cada área, e os alumnos que propuxeran a súa candidatura recibirán premios para mercar no comercio local. Posteriormente, cada establecemento elixido recibirá un recoñecemento público, e participará en diferentes iniciativas que se poñerán en marcha para difundir boas prácticas no sector comercial.

Nesta campaña, que conta coa colaboración de Abanca, está previsto que participen máis de 700 alumnos de 16 localidades diferentes de toda Galicia. Ademais compleméntase cun concurso de fotografía que se vai desenvolver no portal do comerciante (portaldocomerciante.xunta.es) co que se convida á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Os seis primeiros clasificados recibirán tamén premios en metálico para mercar no comercio local.

Artigos relacionados

Back to top button