CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Comeza a 8ª Semana da Orientación no IES Carlos Casares de Viana

Pasaron polo instituto vianés representantes de diferentes universidades galegas e mesmo da University College Dublin
Acto inaugural da Semana da Orientación de Viana do Bolo.

Axudar aos alumnos a decidir cara onde dirixir a súa formación de cara ao futuro, ofrecéndolles unha viisión ampla das posibilidades coas que contan, é o obxectivo que perseguen cada ano as xornadas de orientación que se celebran nos institutos.

No IES Carlos Casares de Viana do Bolo, a 8ª Semana da Orientación Académica e Profesional comezaba na mañá do 24 de abril no salón de actos do centro. A sesión inaugural que arrancaba ás nove e media coa presentación, contou coa asistencia do inspector da Área Educativa,  Roberto Cid Galante; do vicerreitor da Universidad de León, José Ramón Rodríguez Pérez; da directora do CEIP Bibei, Francisca Rodríguez Serrano; do director do IES Carlos Casares, Carlos Ferreiro González; e do orientador do instituto, Plácido Blanco Bembibre.

Ao longo da xornada de hoxe pasaron ademais polo centro, representantes das Universidades de León, Santiago, A Coruña, Vigo, da Universidad Europea de Madrid, do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, da University College Dublin, da Escola de Negocios Afundación e os responsables do Ciclo Superior de Electrotecnia do IES Xermán Ancochea da Pobra de Trives.

 

O orientador Plácido Blanco durante a presentación.

E xa de cara ao resto da semana, haberá información sobre Bacharelatos e FP ademais de visitas guiadas para futuro alumnado de BAC procedente do CPI Laureano Prieto da Gudiña; e actos de acollida ao futuro alumnado de ESO procedentes dos CEIPS de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Veiga.

De forma complementaria, para o 14 de maio está prevista a visita da Garda Real para “analizar unha profesión diferente”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button