EconomíaEconomíaÚltima hora

Comeza o proceso para crear a Mesa da Castaña

A orde que regula a creación desta nova entidade abordábase na reunión do Consello Forestal de Galicia
Reunión do Consello Forestal de Galicia.
Reunión do Consello Forestal de Galicia.

O Consello Forestal de Galicia, que se reunía na mañá do 29 de xullo, abordaba, entre outros temas, a orde pola que se creará a Mesa da Castaña como “órgano responsable para o fomento, promoción e mellora deste produto tan significativo e representativo da nosa comunidade”, tal e como se informa dende a Consellería do Medio Rural. Este será o primeiro paso do proceso de tramitación para crear esta institución da que formarán parte produtores, operadores, comercializadores, almacenistas, industrias de procesado e viveiristas, ademais de representantes da administración.

Segundo a orde presentada ante o Consello Forestal, presidido pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a mesa estará presidida polo titular da dirección xeral competente en materia de montes e composta ademais por un total de 10 vogais, en representación da propia Xunta e dos axentes relacionados coa castaña.

Actualmente, Galicia conta cunha extensa superficie de castiñeiro que ocupa unhas 12.500 hectáreas en masas puras, ou ben como especie secundaria en formacións mixtas (46.455 ha segundo os datos do último Inventario Forestal Nacional). Ao mesmo tempo, a superficie de soutos produtivos de froito ascende aproximadamente a unhas 38.000 hectáreas, citando os datos aportados por Medio Rural.

A xuntanza foi presidida pola conselleira do Medio Rural.
A xuntanza foi presidida pola conselleira do Medio Rural.

A comunidade galega lidera actualmente en España a produción e exportación de castañas. Os datos de produción da última campaña superaron os 20 millóns de quilogramos, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagos a produtores e que, á súa vez, xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados (todo isto supera os 100 millóns de euros). A isto súmase o feito de que dende o ano 2009 funciona, ademais, a Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”, un indicativo que ampara as producións de calidade diferenciada que teñen como base este produto forestal.

Artigos relacionados

Back to top button