OurenseÚltima hora

A comida sobre rodas invade os Xardíns do Posío esta fin de semana

O éxito da edición pasada fixo que voltasen este ano.

A comida sobre rodas ou “food truck” volve invadir, por segundo ano consecutivo, os Xardíns do Posío. Dende hoxe, 27 de maio, até o domingo, 28 de maio, unha grande variedade de oferta gastronómica fará as delicias dos que se acheguen até este punto da cidade. Este II Food Truck Fest volve a Ourense “xa que o ano pasado tivo tanto éxito que houbo xente que tivo que marchar sen comer porque esgotaron as existencias”, dixo o responsable de producións Litoria, Ramón Pazos. Esta entidade é a encargada de organizar este evento xunto co Concello de Ourense.

Comida tailandesa, chinesa, xaponesa, hamburguesas de tenreira, “cupcakes” ou magdalenas, son algúns dos menús que se poden atopar no Posío. Asemade, segundo informou Ramón Pazos, haberá concertos nas noites e sesións vermú entre as 13:00 e as 14:00 horas.

En total, segundo adiantou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación de hoxe, hai “26 food trucks dos cales a metade son de doce e a outra metade son de salgado”. Ademais, hai oferta para celíacos, con produtos sen glute. Tamén sinalou Ramón Pazos que non se repite ningún “food truck” da pasada edición e que este ano “duplicamos o número de caravanas”.

Entre os concertos, hoxe tocarán Soul&Rock, o sábado en sesión vermú e en música de noite Pop-Eye Covers Band, e o domingo Blue Monk.

Artigos relacionados

Back to top button