CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O compositor e cantante Rodrigo Ramos presentará no Baranda o seu novo disco

A xira “Mirabas almas” chega ao Barco de Valdeorras este venres 8 de decembro
O cantante e compositor Rodrigo Ramos.

Despois de percorrer diferentes salas de Galicia e tamén Madrid, o compositor e cantante galego Rodrigo Ramos chega este venres, 8 de decembro, ao Barco de Valdeorras para presentar o seu primeiro disco en solitario “Mirabas Almas”. Un traballo discográfico dispoñible nas principais plataformas dixitais, que recolle ao longo de dez cancións, unha especial simbiose entre a alegría das melodías e a crudeza das letras. “Case como un trampantojo auditivo, camuflando realidades”, explica o propio cantautor que xoga co folk, o pop e o rock and roll “deixando que as propias letras decidan que e como queren vestirse á hora de presentarse ante o público”.

Rodrigo Ramos, chega a este especial traballo en solitario despois de moitos anos no mundo da música. Concretamente dende os 16, comezando como moitos artistas: cun grupo de amigos que compartindo a súa paixón pola música, deciden reunirse para tocar. Así nacería a formación de Barrio Rojo no ano 2011, co que produciría o seu primeiro disco.

Cinco anos despos, este músico e compositor silledense aposta por si mesmo comezando unha carreira en solitario. Máis maduro, con novas ideas e novas melodías, pero co estilo propio que o caracteriza.

Quen queira escoitalo, ten unha cita na Sala Baranda do Barco a partires das 23:30h. Entrada gratuíta.

 

Portada do disco “MIrabas Almas”.

Artigos relacionados

Back to top button