OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense aproba os fondos para os convenios con entidades sociais

En total, coa seis modificacións de crédito aprobadas, incorpóranse 630.000 euros ás arcas públicas antes do peche do exercizo
Sesión extraordinaria de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

Sesión extraordinaria hoxe, 12 de decembro, no Concello de Ourense. O obxectivo desta convocatoria era aprobar as seis modificacións de crédito necesarias para poder facer fronte aos pagos dos convenios con diferentes entidades sociais como o albergue canino, veciñais, culturais, comerciais e empresariais. Entre as que están os comedores escolares ou os contedores soterrados.

En total, foi unha ampliación de 630.000 euros das arcas municipais, entre todas as modificacións de crédito aprobadas, que se suman aos orzamentos antes de pechar o exercizo deste ano.

Segundo explicou a concelleira delegada de Facenda, Ana Morenza, nesta sesión extraordinaria, estas modificacións de crédito non se puideron presentar antes porque o Sindicato Provincial de Policías Municipais (SPPM) alegou “defectos de trámite”. Morenza reiterou que alongaron o proceso para “fastidiar” xa que “sigo sen saber cales eran as súas verdadeiras intencións”, aseverou. Asemade, reiterou que estas alegacións “as utilizan como método de presión ao Goberno local” para as súas reivindicacións laborais.

Con todo, dende a oposición, o voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, arrancou as súas verbas pedindo a dimisión do rexedor municipal, Jesús Vázquez, aseverando que non sacou os orzamentos a tempo. Asemade, o líder de OUeC reiterou que houbo falta de información nas modificacións achegadas por parte do Concello: “tivemos que loitar até o infinito para que se nos achegase a información complementaria e iso é lamentable”.

Algo parecido dixo o líder do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, que aseverou que “estamos así pola súa incapacidade de xestión”.

Finalmente, o líder da oposición, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), reiterou que estaba de acordo coas alegacións do sindicato policial, “está todo dentro da legalidade”, dixo, pero que pola contra demostran “mala fe nos seus actos”.

Os tres partidos da oposición coincidiron na falta de información achegada por parte do equipo de Goberno e pola “rapidez” coa que se convocou o pleno extraordinario. Ao que Ana Morenza alegou que se lle informou “incluso por mensaxe” de todo.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button