EconomíaEconomíaÚltima hora

Conde explícalles aos alcaldes da provincia a nova Lei de Implantación Empresarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria mantivo unha xuntanza na delegación territorial da Xunta onde lles achegou as claves desta nova lexislación

O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza hoxe, 7 de novembro, na delegación territorial da Xunta en Ourense cos diferentes alcaldes dos principais concellos ourensáns para presentar a nova Lei de Implantación Empresarial desenvolta pola Xunta de Galicia.

Conde falou dunha aposta polos “Concellos emprendedores” para atraer máis investimento a Galicia coas máximas garantías xurídicas, técnicas e medioambientais. Nesta xuntanza que mantivo cos alcaldes da provincia, o titular de Economía explicoulles as vantaxes desta nova Lei, afondando no seu carácter participativo.

No eido dos “Concellos emprendeores”, Conde explicou que “serán aqueles que se adhiran ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Fegamp (Federación de Municipios e Provincias), polo que se comprometen a aplicar nas súas localidades máis simplificación administrativa, “eliminando trabas burocrácticas, máis facilidades para acceder ao solo industrial e máis incentivos fiscais”.

A Lei ten o obxectivo de impulsar sectores estratéxicos para Galicia como o forestal, o eólico e o mineiro “ofrecendo as mesmas garantías e exixindo ás empresas as mesmas responsabilidades”, dixo Francisco Conde. No caso da minaría, que xoga un papel destacado na economía da provincia de Ourense, o propio sector avanzou que a nova normativa permitirá a creación de 800 empregos e un incremento do 21% na súa achega ao Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia.

Entre as facilidades que ofrezan estes municipios, o Conselleiro destacou a tramitación de licenzas de obra nun mínimo de 30 días dende que se dispoña de todos os informes; a supresión da taxa por licenza de obra e a apertura en todos os proxectos empresariais vinculados aos obxectivos da Industria 4.0 ou da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3); ofrecer solo industrial municipal de xeito bonificado ou mediante alugueiro; e bonificacións de até o 95% do PIB, o IAE e no ICIO que están vencelladas á creación de emprego.

Segundo lles explicou Conde, estas Administracións locais terán preferencia nas axudas que aprobe a Xunta, cunha partida de 43 millóns de euros para o vindeiro ano, “destinadas ao fomento do emprego, a industria, o comercio e o emprendemento”. As liñas de apoio, en concreto, serán as correspondentes aos obradoiros de emprego, programas integrados e financiamento de axentes económicos de desenvolvemento local (AEDL) na área de emprego; axudas para viveiros industriais, parques empresariais e o fomento da biomasa no ámbito da industria; e para espazos activos de emprendemento e melloras nas prazas de abastos no eido comercial e de emprendemento.

Fotos: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button