OurenseÚltima hora

A Conferencia Hidrográfica inicia a reparación dos noiros entre a Chavasqueira e Tinteiro

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) está a traballar na reparación dos noiros ubicados na zona termal entre a Chavasqueira e o Tinteiro “afectados polo intenso caudal circulante do Miño na primavera de 2016”, informou o presidente da Confederación, Francisco Marín, que visitou hoxe, 27 de abril canda ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e os concelleiros de Termalismo e Medio Ambiente e Participación Cidadá, Jorge Pumar e José Araújo, respectivamente.

As obras de execución consisten no acondicionamento dos noiros mediante técnicas de bioenxeñería “utilizando malla orgánica composta por palla de coco, cosida en ambas partes a unha rede de polipropileno biodegradable”, dixo Marín, que asegurou que os noiros foron previamente dotados dunha pendente uniforme e constante. Unha vez finalizados os traballos de colocación da muralla orgánica, procederase a realizar a sembra de herbas que axuden á estabilización e protección a longo prazo.

Pola súa banda, Jesús Vázquez, apuntou que, unha vez estea estabilizada a zona e as herbas crecidas, “faremos todo o posible para que os cidadáns poidan gozar desta zona axardinada”, dixo.

Esta actuación terá un custo de 25.000 euros e está previsto que remate o próximo 26 de maio.

Termas do Muíño e limpeza

Tras esta reparación, anunciou Francisco Marín, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil levará a cabo traballos de reparación do muro da zona termal de O Muíño “para reforzar o muro que permite protexer a zona de baño”, explicou. Xa que ese muro, a consecuencia da velocidade da auga, “afecta negativamente á estrutura do muro e podería derrubarse na época de estiaxe. Así a zona poderá ser segura para os bañistas”.

Outra das actuacións que teñen previstas dende a CHMS é “a limpeza integral de todos os ríos que pasan polo termo de Ourense, como o Barbaña ou o Oira”, que se levará a cabo entre os meses de verán, e con isto pretenden eliminar toda a maleza e vexetación decrépita “para que se rexenere a dinámica fluvial dos ríos”, explicou Francisco Marín.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button