CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Constitúese a nova directiva da ANPA do CEIP Julio Gurriarán

A asociación de nais e pais do centro escolar barquense comeza unha nova etapa con grandes proxectos

A ANPA do CEIP Julio Gurrirán Canalejas do Barco de Valdeorras conta dende hoxe, cunha nova xunta directiva que comeza de cero co obxectivo de “dar voz aos pais”. Así o aseguraban na mañá do 9 de febreiro, no salón de actos do centro escolar onde tiña lugar a reunión cos asociados, na que se presentaban os membros que levarán as rendas do colectivo, aínda que “a ANPA somos todos”, aseguraron. Gloria Chimeno é a presidenta; Manoli Rodríguez a tesoureira; Jessica Romasanta a vicepresidenta; Jose Manuel Feijóo o secretario; e Irene García e Alicia Cid vogais.

Na presentación, a nova presidenta da ANPA Aturuxo asegurou que “imos a por todas pero necesitamos socios e colaboración porque partimos de cero (especialmente a nivel económico porque faltan moitísimos cartos) e queremos facer moitas cousas”. Entre os obxectivos que se marcan están canalizar as inquedanzas das familias; impulsar a formación das familias coa creación dunha escola para pais; apoiar ao alumnado con necesidades especiais e as melloras pedagóxicas; e a participación en todos os festexos, aportando novas ideas e retos.

Para logralo, propoñen aos pais encher o buzón que colocarán no centro “todas as melloras, necesidades, ideas,… que se vos ocurran así como os temas que vos preocupen, para que nos podamos trasladarllas aos profesores nas reunións que teñamos. Queremos ser a voz dos pais e máis alá dos festexos traballaremos para que se escoite”, aseguran.

Entre as actividades que porán en marcha neste curso están a participación na festa de Entroido do colexio o día 24 e na dos Maios do Barco;  seguir loitando polo pavillón; e a organización da festa de fin de curso, “se nos sae ben o que temos pensado, vai soar”, asegurou Gloria.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button