CulturaCulturaÚltima hora

Continúa a Semana da Revolución Rusa no Cineclube Padre Feijóo

Hoxe proxectan o filme soviético “Oktyabr” (Outubro) e mañá, 18 de outubro, presentan “A Arca Rusa”, ambas as dúas na Biblioteca Pública de Ourense
O filme estará acompañado pola música en directo de Caspervek Trio.

O Cineclube Padre Feijóo segue a celebrar os 100 anos da Revolución Rusa a través dunha semana chea de filmes relacionados co mundo soviético. Para hoxe, 17 de outubro, proxectarán o filme soviético “Oktyabr” -Outubro- (1928), dos directores Sergei M. Eisenstein, Grigori Aleksandrov.

A cinta fai unha reconstrución dos acontecementos ocorridos dende febreiro até outubro de 1917. Un filme no que, seguindo a filosofía comunista, non hai personaxes principais. Eisenstein pon o seu selo a través dos rápidos movementos e no ritmo da montaxe, así como na construción de intensas secuencias que foron ben entendidas polas novas xeracións rusas.

A estrea desta peza retrasouse até 1928, debido á presión dalgúns grupos influentes e, ademais, cortáronse algunhas escenas. Moitos dos protagonistas da Revolución Rusa aparecen na trama: os Guardas Vermellos, os soldados, os mariñeiros.

O filme é mudo e con intertítulos en castelán. E a música será en directo grazas ao Caspervek Trio. A proxección será ás 20:30 horas (un único pase) na Biblioteca Pública de Ourense. A entrada será de balde até completar aforo e os asociados terán preferencia de entrada.

O filme transcorre no Pazo de Inverno de Sanpetesburgo.

Para mañá, 18 de outubro, presentan “A Arca Rusa”, un drama histórico do ano 2002 dirixido por Aleksandr Sokurov.

O personaxe principal é o Marqués de Coustine, un diplomático francés do século XVII cunha relación amor/odio cara a Rusia. O marqués atópase nunha viaxe do tempo no Pazo de Inverno de Sanpetesburgo, onde pasa dende os tempos de Pedro o Grande até os nosos días. Con el, un invisible realizador ruso (en off), que está confuso sobre a posición de Rusia en Europa.

Esta película proxectarase tamén na Biblioteca Pública en tres pases: un ás 18:00; outro ás 20:30 e o último ás 23:00 horas. A entrada será de 4 euros para asociados e 5 euros para o público xeral.

Artigos relacionados

Back to top button