ConcellosGalerías de fotos

Cruz Vermella Valdeorras inaugura a nova sede no Barco

O acto institucional pechaba unha semana de portas abertas para dar a coñecer a entidade á poboación

Coa música da pianista Sara Marianovich, abríase a inauguración oficial da nova sede de Cruz Vermella en Valdeorras que tiña lugar na mañá do sábado 11 de abril no salón de actos da Casa Río Cigüeño, no Barco.

O acto institucional que era presentado polo propio presidente da asemblea comarcal, Maximino Alonso, poñía o broche a unha semana de portas abertas con actividades para persoas de tódalas idades, dentro e fóra da sede.

A xornada, comezaba cun café de benvida e a visita ás instalacións no primeiro andar da Casa Río Cigüeño, continuando coa visita á exposición “Cruz Vermella en Valdeorras 1978-2015” que fai un repaso por estes case corenta anos da institución na comarca e que permanecerá aberta ao público durante unha semana.

O acto central, no que todos destacaron o labor da institución e dos seus voluntarios (sen os cales non sería posible), contou coa intervención de Maximino Alonso; do alcalde do Barco, Alfredo García; do presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, José Luis Santos-Ascarza; e dos historiadores Antonio Castro Voces e Isidro García Tato. Castro Voces fixo un repaso pola historia da ONG en Valdeorras, comezando cun emotivo recordo do accidente de autobus acontecido o 19 de abril de 1977 en Vilamartín (vai facer 38 anos) no que faleceron 13 persoas (12 nenos e o conductor). García Tato pola súa banda falou do edificio que acolle a sede de Cruz Vermella dende hai xa uns meses, cunha disertación titulada “A casa do Riocigüeño: orixe e desenvolvemento dunha casa fidalga”.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button