A Denominación de Orixe O Ribeiro vén de presentar a súa nova páxina web. Unha nova faciana coa que presentarse aos clientes e que, como novidade, “é a primeira de Galicia en rexistrar un dominio .wine”, explicou Cristina Alcalá, xerente da D.O. , na presentación de hoxe, 9 de xuño. Este dominio foi creado pola Unión Europea en 2005 de xeito limitado e sacounos a concurso “habíaos .wine e .vin, en francés”, dixo Alcalá. Actualmente, calquera Denominación de Orixe que queira pode rexistralo.
Esta nova interface, ou carta de presentación en liña do Ribeiro, presenta dúas características particulares: “por unha banda incorporamos unha parte orientada ao consumidor e, por outro lado, haberá un espazo privado para, exclusiva para os adegueiros”, dixo a xerente. Neste espazo, segundo contou, será personalizado para cada adegueiro cun usuario e un contrasinal. Dentro del, poderá atopar os diferentes documentos administrativos do Consello Regulador que precisa “para un cambio de etiquetaxe, por exemplo”, explicou Cristina Alcalá. Asemade de información propia e personalizada para cada adegueiro, como por exemplo os resultados dalgunhas análises das uvas etc. A xerente da D.O., Cristina Alcalá aseverou que “con todo isto queriamos mellorar o déficit que había coa outra web”.
Tamén presentan outra novidade en materia de seguridade, xa que esta nova web presenta un dominio que a garante que o sitio é seguro e non pode ser prexudicial para a persoa que navega. E tamén está adaptada a calquera dispositivo, “isto quere dicir que a interface vaise adaptar ao móbil, tableta ou ordenador”, explicou Alcalá.
No eido do contido, esta nova web presenta tamén dous tipos: o contido fixo, que vai dende a información sobre as 115 adegas pertencentes a este Consello Regulador, pasando polos tipos de uva, a localización da D.O, é dicir, un senfín de contidos de utilidade para dar a coñecer máis este Consello. Logo está o contido máis dinámico o cambiante, no que se vai actualizando coas actividades, novas ou programación, como a do festival Ribeiro Son. Novas, eventos, vídeos e tamén incorporan o “Blog Ribeiro” que se irá actualizando con entradas periódicas. Neste senso, a xerente apuntou que “queriamos que fóra un contido interesante e atractivo para o lector”. E todo este contido poderá ser compartido nas redes sociais.
No eido dos pequenos detalles, a web está dispoñible en castelán, galego e inglés. Pero, Cristina Alcalá asegurou que esta nova web “é máis cambiante” e que a que presentaron hoxe irase actualizando, cambiando, xerando contidos etc. polo que “dentro de moito tempo igual é unha web totalmente diferente”, apuntou.
Texto: Carlos Asensio.