EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro, protagonista na categoría “Tapas maridaxe” dos Premios Picadillo da Coruña

Nela participaban 25 establecementos con 29 tapas distintas maridadas con 22 viños desta D.O. ourensá
Membros do xurado da categoría “Tapas Maridaxe” dos Premios Picadillo da Coruña.

Do 15 de setembro ao 1 de outubro a cidade da Coruña acollía os XIV Premios Picadillo. Nesta edición a Denominación de Orixe Ribeiro convertíase en protagonista na categoría de “Tapas maridaxe”, na que participaban 25 establecementos con 29 tapas distintas maridadas con 22 viños (brancos, tintos e ata algún tostado) desta zona ourensá. “Neste apartado premiábanse as mellores combinacións entre tapas e viños da D.O. Ribeiro”, explican dende o seu consello regulador.

Ademais, como acto previo ao certame, desenvolvíase un curso de harmonías con viños do Ribeiro impartido polo sumiller Luis Paadín e dirixido aos traballadores da hostalaría coruñesa. Nel os asistentes puideron catar 10 viños de perfís distintos. “O local que resulte galardoado na categoría “Tapas maridaxe” poderá desfruttar dunha fin de semana para dúas persoas de turismo enolóxico na D.O. Ribeiro con vistas a adegas, ceas harmonizadas…”, segundo o CRDO Ribeiro. Os premios faranse públicos nun evento que se prevé realizar proximamente.

A valoración das “Tapas maridaxe” corría a cargo dun xurado profesional formado por sumilleres, gastrónomos, xornalistas especializados e representantes do CRDO Ribeiro. Os Premios Picadillo, primeiro concurso desta categoría institucionalizado en Galicia, ten sido organizado polo Consorcio de Turismo da Coruña.

 

Imaxe deste certame de tapas.

Artigos relacionados

Back to top button