OurenseÚltima hora

Dar a volta ao mundo mentres se está ingresado en Pediatría no CHUO

Unha iniciativa da Fundación Andrea en colaboración co CHUO que pretende “dulcificar” a plantas de ingreso deste área

Dar a volta ao mundo mentres se está ingresado no hospital. Esta é a idea coa que se concibiu a nova decoración da terceira planta de Pediatría do Edificio Materno Infantil do CHUO. A través de murais os pacientes máis pequenos levarán a súa estancia con máis alegría. Este foi o obxectivo marcado dende o servizo de Pediatría do Complexo Ourensán. Segundo a xefa deste servizo, Susana Rey, “o hospital para un neno é un ambiente frío e ameazante”.

Por este motivo puxéronse en contacto coa Fundación Andrea, unha entidade que se encarga, precisamente, de prestar apoio aos rapaces ingresados de longa duración a través deste tipo de iniciativas. Así, asegurou Susana Rey “o noso obxectivo é unha dulcificación dos espazos a través das pinturas e da decoración”, é dicir, facer un entorno próximo no que pacientes e familiares conviven todos os días. Asemade, con isto, “suprimimos esa barreira que existe entre paciente e profesional sanitario”, asegurou a xefa de servizo.

Neste senso, a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, asegurou que este é un dos proxectos iniciais da súa fundación, “facer amable o lugar para que os peques vexan o espazo máis amable”. Pero non só se trata de decorar as paredes, aclarou a presidenta, “tamén inclúe o mobiliario, a incorporación de elementos audiovisuais para que os rapaces teñan canles de debuxos as 24 horas do día “. No eido do mobiliario non só está adaptado aos pacientes máis pequenos, senón que tamén inclúe a comodidade para os pais, “por exemplo na sala de neonatos hai sillóns confortables para que pasen moito máis tempo alí”.

Estas obras de arte foron idea da artista ourensá, Marta Dorribo, que traballou en liña coa mestra do CHUO Montse Otero. A artista explicou que a súa idea foi inspirada polo libro “A volta ao mundo en 80 días” de Xulio Verne “iniciando en Londres na sala de agarda da entrada e pasando por diferentes países do mundo até chegar, novamente, a Londres”. Exipto, China, Estados Unidos, Italia… todos estes países están representados neste corredor da terceira planta. A artista reiterou que contou coa colaboración de tres amigas máis para pintar todo “durante unha fin de semana enteira”, asegurou.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button