PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez e Paula Quinteiro (En Marea) piden máis fondos para o Plan Marco

Preguntan no Parlamento galego pola “drástica redución de fondos” para o bienio 2017/2018
O deputado Davide Rodríguez, durante unha intervención no Parlamento de Galicia.
inteiro

Sobre o Plan Marco de Mellora de Camiños municipais xira a proposición non de lei e a pregunta dirixida á Consellería do Medio Rural que veñen de presentar no Parlamento galego os deputados de En Marea Davide Rodríguez, de Manzaneda, e Paula Quinteiro.

Nos documentos presentados sinalan que no pasado mes de marzo, o director xeral de Desenvolvemento Rural reuníase ca xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de avanzar no deseño e execución do Plan Marco de Mellora de Camiños municipais para 2017 e 2018, dotado con case 16 millóns de euros. Nesta xuntanza buscábase fixar criterios para a asignación de fondos que corresponderían a cada concello, tales como “poboación, superficie, grao de despoboamento, grao de envellecemento e peso do agro de cada municipio”.

“O director xeral de Desenvolvemento Rural anunciaba que a execución do Plan Marco no ano 2016 permitiu o arranxo dun total de 810 quilómetros de vías públicas en 293 concellos galegos. O paradoxo xurde cando a resolución deste programa no ano 2016, cunha cantidade fixa de 19.998.110 euros apartados AXE, Feader e Xunta, estimábanse un total de 730 camiños arranxados que alcanzarían máis de 1.300 quilómetros”, segundo indican os parlamentarios.

Neste senso, En Marea pregunta á consellería cal é o motivo de que se executasen “moitos menos quilómetros dos previstos, un 38% menos do proxectado, e se esta redución no proxectado trasladouse tamén ao investimento executado”.

Ademais, engaden, “nas pasadas semanas o director xeral de Agader anunciaba o Plan Marco de Mellora de Camiños para o ano 2017 e 2018, que vai contar cunha cantidade de 7.999.343 euros para cada ano. O que suporía, menos da metade do investimento do ano 2016. En Marea pregunta cal é a razón da drástica redución de fondos de 20 millóns de euros para o ano 2016 en contraste cos 16 millóns de euros para o bienio 2017/2018”.

Ademais na proposición non de lei presentada, En Marea insta a Xunta de Galicia a “aumentar a partida de fondos destinada ás actuacións do Plan Marco do bienio 2017/2018 a 40 millóns de euros, cifra similar a do anterior plan 2016”.

Artigos relacionados

Back to top button