PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez e Paula Quinteiro (En Marea) piden no Parlamento galego melloras na seguridade nas explotacións agrogandeiras e forestais

Veñen de presentar unha proposiciónn non de lei “co fin de defender os intereses dos traballadores do agro galego, mellorar a súa calidade de vida”
Davide Rodríguez, deputado de En Marea, no Parlamento galego./ Foto: Carlos G. Hervella.

A sinistralidade no sector agrario é superior á media do total de actividades e achégase ós niveis de accidentes do sector industrial. A situación das actividades forestais é a máis extrema, cun nivel de accidentes mortais que foi no mellor dos anos 4 veces superior á media e 15 veces superior no peor ano analizado polo Informe do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo. Así se recolle na proposición non de lei que veñen de presentar no Parlamento galego os deputados de En Marea Davide Rodríguez, de Manzaneda, e Paula Quinteiro.

Nesta iniciativa plantexan a necesidade de acometer por parte da Xunta de Galicia “accións conxuntas dirixidas a promover a seguridade e saúde laboral dos/as traballadores/as a través da aplicación de medidas de prevención de riscos derivados do traballo nas explotacións agrogandeiras e forestais de Galiza, co fin de defender os intereses dos/as traballadores/as do agro galego, mellorar a súa calidade de vida e promocionar a realización de accións formativas e informativas dirixidas á promoción agraria”.

Tamén se refiren os deputados á publicación dun informe do Instituto Nacional de Seguridade no que se advirte “da alta sinistralidade que se produce no agro e nas actividades forestais, onde o 17% das inspeccións laborais no agro detectan infraccións e a porcentaxe de accidentes mortais no agro duplica á media”.

Ademáis, este Informe engade que “o 70% dos accidentes graves e mortais que se producen no sector agrario sucedeu pola manipulación de maquinaria agrícola e, a causa do 90% deles, é o volteo do vehículo, debido principalmente a que a maquinaria é moi antiga e non está adaptada á normativa”.

Neste senso, En Marea considera prioritaria a sinatura dun protocolo de colaboración entre a Consellería de Medio Rural, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e os sindicatos agrarios maioritarios galegos, en materia de prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro e forestal, e dotalo do orzamento necesario.

E esta formación política matiza que neste protocolo “deberan estar incluídas as seguintes accións: Campañas de información e de sensibilización sobre a prevención de riscos laborais no sector, Actividades que promovan melloras das condicións de seguridade e saúde dos/as traballadores/as do agro, e Reforzo dos cursos de prevención de riscos laborais nas escolas de capacitación agraria dependentes da Xunta de Galiza”.

Artigos relacionados

Back to top button