Davide Rodríguez (En Marea): “Hai un abandono total de Ourense”

Este deputado autonómico, valoraba xunto á súa compañeira no Parlamento Ánxeles Cuña, os orzamentos da Xunta para a provincia

Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2017 son, en opinión de En Marea, “claramente discriminatorios coa provincia de Ourense pois queda como a provincia cun menor investimento por parte da administración autonómica, ademais de contribuír a incrementar os desequilibrios económicos e de servizos entre a Galicia costeira e interior”. Así o expoñían os dous deputados ourensáns desta formación política no Parlamento galego: Davide Rodríguez, de Manzaneda, e Ánxeles Cuña.

Nunha rolda de prensa celebraba na mañá do 16 de febreiro na cidade de Ourense, e na que estiveron acompañados polo concelleiro de Ourense en Común, Martiño X. Vázquez; analizaban os datos por provincias das principais entidades e axencias dependentes da Xunta e destinadas ao investimento, como a Consellería de Infraestruras e Vivenda, a Consellería de Facenda, a Consellería de Sanidade, o Sergas, a Axencia Galega de Infraesturas, o IGAPE e a Axencia Galega de Turismo. “No seu conxunto o investimento destinado á provincia de Ourense é dun 10%, moi por baixo do 39% da Coruña ou do 37% de Pontevedra”, apuntaban.

“Temos os investimentos máis baixos por habitante de toda a comunidade autónoma e de todo o Estado español, non chegamos aos 220 euros por habitante. Temos un abandono total”, sinalaba Davide Rodríguez, matizando ademais que isto afecta de xeito especial ao medio rural. “Non existe ningún programa de recuperación demográfica nin laboral para a Ourense, somos a provincia máis afectada neste senso. Tampouco temos ningún tipo de programa para o medio rural, nin para a posta en valor e desenvolvemento das comunidades de montes. Non temos un plan de recuperación de infraestruturas cono a OU-701”.

Rodríguez comentaba ademais que En Marea estivo traballando para enmendar estes orzamentos autonómicos, “pero non nos escoitaron”. E incidía en que a partires de agora “velaremos para que as partidas que si aparecen recollidas en relación á provincia se executen”.

Máis información sobre a xuntanza aquí

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies