PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez: “En Marea pedirá medidas para aumentar a vixilancia nos soutos durante o castañal”

Este deputado de En Marea no Parlamento galego reuníase o 19 de xaneiro co secretario da IXP Castaña de Galicia
Manuel López, secretario da IXP Castaña de Galicia, na reunión mantida co deputado de En Marea Davide Rodríguez.

As principais problemáticas que presenta neste momento o sector da castaña galega poñíanse sobre a mesa na xuntanza que mantiña na mañá do 19 de xaneiro o deputado no Parlmanto galego de En Marea, Davide Rodríguez, co secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Manuel López Vilariño.

Un dos principais retos que plantexaba López Vilariño é o de profesionalizar o sector, polo que piden a colaboración da Administración á hora de implementar medidas “que freen o intrusismo e a comercialización en B”, con campañas de concienciación entre os consumidores para que sexan conscientes da importancia de mercar sempre produto con etiqueta e polas canles de comercialización legalmente establecidas.

Un dos problemas aos que se están enfrontando cada outono os produtores de castaña durante a colleita é o alarmante incremento de roubos e saqueos de soutos, mesmo con agresións puntuais a propietarios de castiñeiros como xa ten acontecido no oriente ourensán. Neste senso, Davide Rodríguez transmitíalle á IXP Castaña de Galicia que En Marea presentará no Parlamento galego unha iniciativa solicitando a creación dunha comisión que inclúa as forzas de seguridade para incrementar a vixilancia nas principais zonas produtoras.

Ademais, Davide Rodríguez, que tamén é produtor de castaña en Manzaneda, solicitará que se redobre a loita tanto por parte da Administración central como autonómica contra a praga do chancro ou os efectos da perigosa avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) cun incremento das axudas para os produtores afectados.

Finalmente, En Marea tamén adiantaba que vai plantexar “a posta en valor do ecosistema souto, requerindo un maior investimento da Consellería de Medio Rural na recuperación dos bosques de castiñeiros”.

A IXP Castaña de Galicia, a única que existe en todo o Estado deste froito de outono e desenvolve dende 2009 unha importante tarefa na defensa dos produtores de castaña galegos, ademais do seu traballo na recuperación de soutos, prevención de incendios e recuperación de acuíferos.

Artigos relacionados

Back to top button